A Deputación leva ao pleno do venres o convenio para financiar o funcionamento de Exponav en Ferrol
A Deputación achega 125.000 euros para impulsar o único museo de España dedicado á construción naval
Financiaranse obras de mellora no edificio, tarefas de conservación preventiva e a renovación da iluminación, entre outras actuacións

A Deputación da Coruña leva ao pleno deste venres, 26 de maio, a aprobación do convenio con Exponav para financiar as actividades da Fundación e do Museo da Construción Naval.
A Deputación da Coruña achega 125.000 euros, unha achega económica destinada a financiar o funcionamento deste centro museístico único nas súas características e o máis importante do seu ámbito en toda España, cunha exposición científico-técnica que presenta aos visitantes o apaixoante mundo da construción naval, que conta cunha gran tradición da comarca de Ferrolterra e que serve ademais como punto de encontro entre a sociedade, a industria, a comunidade educativa (con numerosas visitas escolares cada ano) e a científica.
Accións de rehabilitación e conservación
Dentro das accións previstas no convenio deste ano inclúense actuacións de rehabilitación e conservación do edificio de Ferrerías e dos elementos de acceso como o saneamento dos elementos de ferro que compoñen o teito acristalado e melloras na impermeabilización do inmoble para evitar humidades e filtracións de auga.
Tamén se realizarán actuacións de conservación preventiva co fin de controlar axentes biolóxicos e evitar pragas de insectos e bacterias que afecten ás pezas; cambiarase a iluminación en diferentes salas de exposicións permanentes coa intención de establecer unha maior calidade de luz; reformarase a zona dedicada a propulsión e servizos na planta baixa, con novos soportes e vinilos informativos e levaranse a cabo diferentes campañas publicitarias, así como a creación de diferentes catálogos e accións de comunicación para promocionar o museo en toda a provincia.