Estás en:Novas

A Deputación da Coruña recibe 3,1 millóns de euros de fondos europeos para impulsar a dixitalización da administración local

Con este financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea- Next Generetion EU, melloraranse os servizos públicos dixitais á cidadanía e empresas, reducirase a fenda  dixital e impulsarase a activación de tecnoloxías emerxentes na administración local

A Deputación da Coruña recibe 3,1 millóns de euros de fondos europeos para impulsar a dixitalización da administración local

A Deputación da Coruña vén de recibir 3.169.370 euros de fondos europeos para impulsar a dixitalización da administración local na provincia.

Os fondos, concedidos dentro da convocatoria do Ministerio de Política Territorial para proxectos de modernización e dixitalización das entidades locais, forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea- Next Generetion EU.

A Deputación da Coruña recibe un total de 3.169.370 euros para impulsar o proxecto Concello Dixital, a aposta do goberno provincial para fomentar o uso da administración electrónica nos concellos, que suma xa 80 entidades locais adheridas, e continuar mellorando as súas propias infraestruturas dixitais, creando un ecosistema dixital resiliente e con capacidade para os novos servizos e canles dixitais

Ademais, ao abeiro desta mesma convocatoria, os concellos coruñeses con poboación de entre 20.000 e 50.000 habitantes recibirán outros 1.492.396 euros de forma directa

Estes 4.631.766 euros de fondos europeos permitirán mellorar os servizos públicos dixitais á cidadanía e empresas, reducir a fenda dixital e posibilitarán a utilización activa das tecnoloxías emerxentes para a creación de novos servizos dixitais na administración local.

Estes fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia permitirán seguir avanzando na Estratexia Dixital da Deputación da Coruña, que ten como prioridade a implantación dunha administración totalmente dixital adaptada ás entidades locais, situando a cidadanía no centro da actividade administrativa a través de máis e mellores servizos interactivos que axilizan os trámites e que garanten a eficiencia da administración a nivel local.

A Estratexia Dixital que está a desenvolver a Deputación da Coruña baséase en catro eixes: a accesibilidade dixital universal, a ciberseguridade, a mellora das infraestruturas dixitais e o proxecto "Concello Dixital", que xa chega a 80 entidades da administración local da provincia.

 logo financiado union europea nextgenerationeu logo-gobierno-españa   logos Plan de Recuperacion

---