A Deputación e o Concello de Pontedeume asinan o convenio de colaboración para a rehabilitación do antigo hospitalillo como albergue de peregrinos
A entidade provincial financia con 375.000 euros a rehabilitación con fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
A actuación enmárcase dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Fragas do Eume que desenvolve a Deputación
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde do Concello de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, asinaron o convenio de colaboración para o financiamento das obras de rehabilitación do antigo hospital de peregrinos, un inmoble situado na rúa Atafona e construído polo arcebispo Raxoi no século XVII a carón da Igrexa de Santiago.
As obras de rehabilitación suporán un investimento de 375.360 euros, fianciaciados ao 100% pola Deputación mediante fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
A finalidade da actuación é rehabilitar este inmoble histórico, que actualmente está en estado de ruína, para o seu uso como albergue de peregrinos. A instalación era un antigo hospital no que se atendía aos peregrinos na súa viaxe a Santiago de Compostela.
"A sinatura deste convenio vainos permitir licitar xa esta obra para recuperar o antigo hospitalillo e convertelo nun albergue de peregrinos nun concello no que o Camiño de Santiago está a ter unha repercusión económica cada vez máis importante", sinalou Bernardo Fernández, que destacou o incremento do número de peregrinos na localidade nos últimos anos. O Camiño Inglés incrementou nun 50% o seu número de visitantes desde 2019.
Bernardo Fernández quixo lembrar o papel do antigo párroco de Pontedeume, José Ramón Cascón Raposo, na cesión do inmoble ao concello por parte do arzobispado e no proxecto da súa recuperación para o patrimonio da localidade. "Estaría moi contento con esta nova", sinalou.
Fernández agradeceu tamén o apoio do Goberno de España, financiado o Plan de Sustentabilidade Turística (PSTD) das Fragas do Eume presentado pola Deputación da Coruña, o que permitirá que Pontedeume poida contar "cun albergue de peregrinos totalmente rehabilitado nun emprazamento histórico, polo que cumprimos tamén desde o punto de vista da rehabilitación do patrimonio".
A financiamento deste proxecto sufragará gastos relativos á rehabilitación integral do inmoble, na que se inclúe a recuperación dos muros perimetrais existentes e a execución dunha cuberta tradicional similar á anterior para adaptar a edificación ao seu novo uso como albergue de peregrinos. Planifícase un proxecto dunha única planta, preparado para unha futura ampliación na que se incluiría unha planta intermedia.
Con respecto ás instalacións interiores, inclúese no orzamento a instalación de nova capintería e arquitectura interior do inmboble, novo circuíto eléctrico e de telecomunicacións, así como a acometida de auga e saneamento e os seus correspondentes novos recorridos interiores. A superficie total da intervención é de 145, 5 metros cadrados.
O prazo de execución das obras fíxase, de maneira inicial, en oito meses, aínda que poden variar por circunstancias imprevistas ou motivos xustificados producidos no desenvolvemento dos traballos.