Estás en:Novas

O centro Europe Direct da Deputación da Coruña lanza este outono novas actividades dirixidas á súa rede de información europea ‘Europa no teu Concello’

As propostas para o segundo semestre do 2023 pasan pola formación en liña sobre terminoloxía en inglés para proxectos europeos e outras actividades para incrementar os coñecementos sobre a UE do público infantil e a mocidade

'Europa no teu concello' conta con41 puntos informativos instalados en municipios da provincia e mantén aberta a convocatoria de adhesión de máis entidades locais interesadas

A rede permite descentralizar e achegar información das actividades da UE aos concellos da provincia

O centro Europe Direct da Deputación da Coruña lanza este outono novas actividades dirixidas á súa rede de información europea ‘Europa no teu Concello’

EUROPE DIRECT A Coruña continúa ampliando a oferta de actividades que lles ofrece aos concellos adheridos á rede Europa no teu Concello. Neste último tramo de 2023, os municipios da rede poderán participar no curso en liña de Terminoloxía en inglés para proxectos europeos. Esta formación está dirixida a persoal das entidades locais e ten como obxectivo incrementar as competencias e a capacidade dos concellos á hora de solicitar e atraer ao seu territorio proxectos con fondos da Unión Europea.

Os concellos da rede tamén poderán acoller outras dúas actividades de difusión do funcionamento e dos programas da Unión Europea. Un deles é o espectáculo Coñece Europa con Kalopsia, un obradoiro de contacontos que explica ao público infantil dunha maneira sinxela e entretida que é a UE e que conta con intérprete de signos para garantir a súa accesibilidade. A segunda acción é Time To Move, unha actividade informativa sobre oportunidades europeas de mobilidade para a mocidade que está coorganizada con Eurodesk, outra das redes europeas de información.

Estas actividades súmanse ás que xa se realizaron no primeiro semestre no ano, no que os concellos que conforman a rede puideron solicitar e acoller un obradoiro de busca de emprego na UE, o espectáculo A Maxia de Europa, a exposición Pacto Verde Europeo e promover a participación da mocidade do municipio nas accións Embaixadorxs Destino Europa e o intercambio xuvenil ClubUE polo Ano Europeo das Competencias, entre outras accións.

Esta rede ofrece, ademais das actividades de formación e de sensibilización europea, apoio aos concellos nas súas iniciativas locais e servizos de carácter xeral que inclúen a recepción dun expositor informativo, publicacións oficiais, materiais e newsletter semanal coas novidades de mobilidade para a xente moza, entre outros.

EUROPE DIRECT A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea da Deputación da Coruña, impulsou a posta en marcha desta iniciativa co obxectivo de descentralizar as actividades de información e sensibilización europea na provincia. A rede Europa no teu Concello suma xa 41 municipios da provincia da Coruña e a campaña de adhesión de concellos interesados na iniciativa continúa aberta. Poden poñerse en contacto a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal.

Os concellos que participan nesta iniciativa son: A Baña, A Laracha, Abegondo, Ames, Ares, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Camariñas, Cambre, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Culleredo, Dodro, Dumbría, Fene, Frades, Lousame, Moeche, Mugardos, Narón, Negreira, O Pino, Oroso, Paderne, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rois, Sada, Touro, Valdoviño, Vedra, Vilasantar, Vimianzo e Zas.
Para información complementaria, pódese consultar a páxina web https://www.dacoruna.gal/europedirect/europa-no-teu-concello.