Estás en:Novas

O orzamento máis alto da historia da Deputación da Coruña supera os 222 millóns de euros

As contas de 2024 sitúan á Deputación como principal axente investidor da provincia e teñen como prioridades o emprego, o benestar social e o apoio ao rural

A área de Emprego sobe un 24% ata os 16 millóns de euros e contempla o impulso a proxectos industriais estratéxicos como a biotecnoloxía, a economía circular e o sector audiovisual, coa construción do maior plató virtual de España na Cidade das TIC da Coruña

A posta en marcha do Plan Único, con 549 millóns de euros de investimento e 3.920 obras nos concellos coruñeses supuxo unha revolución para os concellos, que hoxe reciben ata catro veces máis fondos da Deputación e teñen total liberdade para decidir en que os invisten

Os orzamentos inclúen 24,3 millóns de euros para políticas de protección social nos concellos

O orzamento máis alto da historia da Deputación da Coruña supera os 222  millóns de euros

Formoso, Regueira e Rioboo presentaron as contas da Deputación para o vindeiro ano

A Deputación da Coruña contará en 2024 cun orzamento de 222.151.200 euros, o máis alto da historia da institución e un 7,2 % superior ao do actual exercicio.

Así o explicaron esta mañá o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso; o vicepresidente Xosé Regueira, e o deputado de Facenda, José Ramón Rioboo, na rolda de prensa de presentación das contas da institución provincial para o vindeiro ano.

Formoso destacou que este orzamento récord é a folla de ruta que define as políticas do goberno provincial para o vindeiro ano e que 2024 "terá como principais prioridades a creación de emprego, o benestar social e o desenvolvemento do rural".

Prioridades que se reflicten nun "orzamento que expresa unha mirada cara adiante, de progreso na provincia" resaltou Regueira, e que "presenta unha mellora na calidade de vida e nas oportunidades de todas as persoas".

Os orzamentos da Deputación da Coruña para 2024 están dirixidos a desenvolver o gran potencial co que conta a nosa provincia e a crear un escenario de oportunidades para as novas xeracións de coruñeses e coruñesas, especialmente no rural, co ambicioso obxectivo de vencer o reto poboacional e demográfico. Neste sentido, Formoso destacou "a gran importancia de programas coma o Plan Único de Obras e Servizos (POS+) ou o Plan de Emprego Local (PEL), que nos últimos anos foron fundamentais para a creación de emprego, infraestruturas e oportunidades, en particular nos pequenos municipios da provincia".

Plan Único, unha revolución para o financiamento dos concellos

O Plan Único supuxo unha auténtica revolución para o financiamento dos municipios da provincia con 549 millóns de euros de investimento e 3.900 obras na provincia nos últimos anos.

"Hoxe, os concellos reciben ata catro veces máis fondos da Deputación e teñen total liberdade para decidir en que os invisten", sinalou Formoso, que destacou que o POS+ "supuxo pasar dun plan de financiamento municipal de 25 millóns a un de entre 90 e 100 millóns anuais".

A partida do Plan Único increméntase en 2024 nun 10% en 2024, chegando aos 50,5 millóns de euros de orzamento inicial. Unha cantidade que, como todos os anos, irá incrementándose ao longo do exercicio para chegar, a finais de ano, a entre 90 e 100 millóns de euros de investimento nos concellos coruñeses.

"O Plan Único é o primeiro instrumento dos concellos para planificar o seu ano vindeiro" apuntou pola súa parte Regueira. "Estamos aprobando un documento moi importante para os municipios da provincia, especialmente para os de menor tamaño. E máis nun período como o de 2024, no que seguramente esteamos sen as regras de gasto en vigor e os concellos terán limitada a súa capacidade de manobra e decisión", engadiu. "Unha das prioridades desta entidade é apoiar as administracións locais, que son as que están máis preto da cidadanía, para que teñan os recursos suficientes para facerlle fronte cada vez a máis competencias que lles derivan outras administracións como a Xunta de Galicia".

O PEL aposta por industrias estratéxicas en 2024

Formoso resaltou que o Plan de Emprego Local (PEL) incrementa tamén o seu orzamento en 2024 ata os 16 millóns de euros (un 24,1% máis). Desde a súa creación, o PEL financiou a creación de 6.119 empregos nos sectores público e privado, apoiou a 2.553 empresas e 1.842 autónomos e concedeu 4.485 axudas directas aos sectores máis afectados pola crise (hostalaría, agro, mar, transporte...).

Este incremento no orzamento permitirá reforzar programas de contratación de persoal en empresas e concellos e apoio ao emprendemento, pero ademais, Formoso anunciou que "2024 será un ano de aposta pola industria", en concreto por sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a economía circular ou o sector audiovisual, coa construción de Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España, que se ubicará na Cidade das TIC.

"O CEI supón un investimento de 8,5 millóns de euros, cofinanciado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España no marco do proxecto "España, Hub audiovisual de Europa". A Deputación adxudicou o pasado agosto a Telefónica o desenvolvemento da tecnoloxía por 6,1 millóns de euros e vén de licitar a construción do edificio que albergará o CEI por 2,5 millóns de euros", indicou o presidente

En 2024, a Deputación destina ademais 900.000 € para seguir desenvolvendo a Rede Provincial de Espazos de Coworking, que conta con 11 centros na provincia e permitiu xa a 200 emprendedores e emprendedoras pór en marcha os seus proxectos empresariais.

O benestar social, unha prioridade

No apartado de Política Social, a Deputación incrementa este ano o seu orzamento ata os 24,3 millóns de euros (+6,5 %). Os orzamentos inclúen un novo incremento de 100.000 euros para ao programa de Servizos Sociais Comunitarios, que durante o mandato de Valentín González Formoso pasou de 4 millóns a 8,7 millóns de euros anuais. "Isto permite a contratación de 179 profesionais do ámbito social nos concellos de menos de 20.000 habitantes e o financiamento de 411.000 horas de servizo de axuda no fogar", sinalou o presidente.

A partida para apoiar ás entidades sociais da provincia contará o vindeiro ano con 4,6 millóns de euros, uns fondos que permiten apoiar a 273 asociacións da provincia para contratar persoal, mellorar os seus centros ou impulsar programas de rehabilitación, tratamento e inserción sociolaboral que melloran a vida de miles de persoas.

Desde a pandemia, o Plan Único conta tamén con partidas destinadas a financiar gasto social nos concellos. En 2024, este POS Social contará cunha dotación de 7 millóns de euros para os 93 concellos da provincia.

Aposta polo rural

A aposta polo desenvolvemento do rural é un eixo transversal da acción da Deputación da Coruña. Programas como o Plan Único e o PEL contribuíron decisivamente a este obxectivo, ao que se suman outros programas como as 13 liñas de axudas a concellos, dotadas con 18 M€ de orzamento, coas que a Deputación creará o vindeiro ano 1.550 empregos contribuíndo ademais a que os pequenos municipios da provincia podan ofrecer á súa veciñanza servizo ao nivel dos municipios máis grandes no eido do deporte, a cultura ou os servizos sociais.

A nova área de Mar, Agro e Medio Rural creada neste mandato disporá dun orzamento de 8,9 millóns de euros, entre os que destacan os 661.000 € (+29%) destinados a axudas a confrarías de pescadores e mariscadores/as da provincia, os 818.000 € (+33%) para fomento agrícola e gandeiro ou o 1,3 millóns que se destinarán a promoción de produtos locais, artesanía e comercio.

Cultura e Deporte

A área de Cultura incrementa este ano o seu orzamento nun 11,3 % ata os 11.451.4000 euros, con programas como a Rede Cultural, o maior circuíto estable de actuacións ao vivo de Galicia, con 2,3 M€ de orzamento ou os 3,6 M€ que a Deputación destina a apoiar ás entidades culturais da provincia nas súas actividades e investimentos.

A área de Deporte contará con 6,6 millóns de orzamento con programas que inclúen 4 millóns de euros para apoiar a máis de 655 entidades deportivas na súa labor de promoción do deporte de base, 1 millón de euros para contratar técnicos de Deportes nos concellos máis pequenos da provincia e bolsas para deportistas, que este ano se incrementan de 45 a 52, cun orzamento de 182.000 €.

23,3 millóns para seguir mellorando 2.100 quilómetros de estradas

A rede provincial de estradas que xestiona a Deputación da Coruña conta con 2.100 quilómetros de lonxitude. O orzamento do departamento de Vías e Obras sobe en 2024 un 20% ata os 23,3 millóns de euros.

Deles, 12,6 millóns destínanse a conservación, 2,1 M€ a investimentos, 4M€ a obras urxentes e mantemento e 1,3 M€ a obras de mellora das estradas que se transfiran aos concellos. Entre 2015 e 2023, a Deputación activou preto de 500 obras nas estradas provinciais.

A mobilidade sostible seguirá sendo tamén un dos eixes de acción da Deputación da Coruña, que no anterior mandato puxo en marcha 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia, entre elas os da Senda ZEC, que bordea o encoro de Cecebre ou a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, a maior Vía Verde de Galicia.

No vindeiro ano, acometerase o tramo da Vía Verde entre Oroso e Santiago e consígnanse 500.000 euros para iniciar un ambicioso proxecto que será realidade antes de 2027, levar a Vía Verde ata Culleredo, co obxectivo de que en poucos anos se poda percorrer a distancia que separa A Coruña e Santiago a través das vías ciclistas da Deputación.

Turismo de calidade

O orzamento da área de Turismo alcanza en 2024 os 6,3 millóns de euros. Un investimento que inlclúe o desenvolvemento dos Plans de Sustentabilidade Turística (PSTD) de Cabo Ortegal, Fragas do Eume, Fogóns do Anllóns e Vía Verde, que suman máis de 2,3 millóns de euros.

As partidas de Turismo inclúen tamén 1,2 millóns para apoiar aos concellos na promoción turística, 1,6 millóns para entidades e 650.000 € para mellora da calidade e competitividade turística.

Formoso destacou que, por noveno ano consecutivo, a Deputación manterá a situación de "débeda cero" e seguirá pagando as súas facturas nun prazo de sete días.

"A aprobación deste orzamento supón unha boa noticia para o conxunto da sociedade e das administracións da provincia de todas as forzas políticas, para todas igual" afirmou Regueira, "porque esta institución, e creo que se reflexa moi ben nos orzamentos, iguala a todas as administracións locais en oportunidades e na distribución dos seus recursos".

O deputado de Facenda, José Ramón Rioboo, agradeceu as achegas dos distintos grupos políticos da corporación provincial para elaborar uns orzamentos que o goberno provincial aprobará no pleno do 24 de novembro, co obxectivo de que entren en vigor a partir do 1 de xaneiro.