A campaña do 25N pon o foco nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e no ocio nocturno
A deputada de igualdade, Soledad Agra, presentou esta mañá a programación que se desenvolverá arredor do 25N, que inclúe accións específicas dirixidas á xuventude e outras máis xenéricas
A Deputación volve activar a campaña "DE FRONTE á violencia de xénero" incidindo na sensibilización do público máis novo
A área de Igualdade da Deputación da Coruña, liderada pola deputada Soledad Agra, presenta un novo lanzamento da súa campaña institucional do 25 de novembro, "DE FRONTE á violencia de xénero" co obxectivo de incidir na sensibilización e concienciación da mocidade. Centrándose nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e no ocio nocturno, inclúe diferentes accións específicas en torno a este obxectivo, e outras máis xenéricas dirixidas á poboación xeral.
"As agresións sexuais en contextos de ocio nocturno estanse dando cada vez máis habitualmente e normalizando" apuntaba a deputada de igualdade. "É unha situación moi grave na que poñemos o foco, porque queremos que as nosas rapazas non teñan medo a saír, e poidan divertirse con tranquilidade e seguridade", engadía.
Nunha iniciativa á que están adheridas 91 concellos, 82 entidades sociais e 35 centros de ensino, a Deputación pon á súa disposición, e tamén á do público en xeral, diferentes recursos como documentación, vídeos, e guías de actividades, entre outros, para traballar conceptos básicos sobre violencia de xénero con distintos colectivos, así como a posibilidade de descargar a imaxe gráfica da campaña en diferentes formatos.
No eido da celebración do 25N, a área de igualdade da entidade provincial desenvolverá unha serie de actividades que a continuación se detallan.
Programación
- Obradoiros. Levaranse a cabo un total de 14 obradoiros formulados en positivo, cunha duración mínima de 2 horas, onde cuestionar mensaxes e hábitos que alimentan as violencias sexuais en contextos de lecer e festa. Dirixidos a alumnado de IES da provincia, colectivos e asociacións xuvenís e persoas usuarias de centros de atención á diversidade, farase uso de ferramentas TIC para realizar unha pequena peza audiovisual en formato stop motion con legos. Estes obradoiros comezaron o 9 de novembro na asociación ÍNTEGRO de Cabana de Bergantiños e percorrerán Boiro, Cedeira, A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Corcubión, Ribeira, A Coruña, Ordes, Outes, Muros, Santiago e Zas durante o mes de novembro.
- Acto institucional. Na mañá do 24 de novembro terá lugar no hall do Pazo Provincial da Deputación un acto institucional que contará coa presenza do dúo Camaño&Ameixeiras, que lerán un texto propio e interpretarán dúas pezas en formato acústico. Ademais, haberá unha declaración institucional.
- Acción nas rúas. Co obxectivo de visibilizar situacións reais de agresións sexuais, nas rúas de Santiago, Cee, A Coruña e Ferrol levarase a cabo a acción #RompeOSilencio, a través da que se recollerán testemuñas anónimas que anotarán nun papel as súas experiencias que queiran compartir e posteriormente depositarán nunha furna.
- Pílulas dixitais a pé de rúa. Crearanse breves vídeos divulgativos coas testemuñas de situacións reais recollidas na acción #RompeOSilencio. Compartiranse na web e nas redes sociais.
A campaña "DE FRONTE á violencia de xénero" inclúe, un ano máis, diferentes accións para incidir na concienciación e sensibilización dun público clave como é a mocidade, a través da divulgación dende unha mirada en positivo.