Formoso destaca a aposta do Goberno de España pola Formación Profesional na súa visita ás aulas e talleres do IES Rosalía de Mera
O presidente provincial visitou esta mañá o instituto de FP, xestionado pola Deputación da Coruña, xunto co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco
Formoso indicou que "con esta nova Lei benefícianse tanto aos centros de ensino como ao alumnado, que encarará o mercado laboral do xeito máis preparado posible"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, visitaron esta mañá as aulas e os talleres de Formación Profesional do IES Rosalía de Mera.
O instituto, que está xestionado pola Deputación da Coruña, conta con 350 alumnos e alumnas e nas súas aulas impártense 11 ciclos formativos: 2 de FP superior, 6 de grao medio e 3 de FP básica. Artes gráficas, mecatrónica industrial, mecanizado e soldadura, carpintería ou deseño de produción gráfica son algúns dos ciclos que se imparten no centro educativo coruñés.
Formoso destacou a implicación da Deputación para ofrecer ao alumando do centro a mellor calidade na súa formación, así como o elevado índice de inserción laboral dos alumnos e alumnas que saen das aulas do centro.
O presidente puxo en valor a "gran aposta do Goberno de España pola Formación Profesional, co obxectivo de harmonizala co resto de países europeos, nos que a FP xa é unha prioridade desde hai moitos anos".
"A FP Dual é unha ferramenta áxil, que pretende realizar unha especialización á vez que se profunda na formación do modo máis realista posible. Con esta nova Lei beneficiaranse tanto aos centros de ensino como ao alumnado, que encarará o mercado laboral do xeito máis preparado posible" engadiu o presidente da Deputación.
Valentín Formoso engadiu que a nova Lei de FP, "cun orzamento de máis de 2.000 millóns de euros para os vindeiros anos, permitirá afrontar ese gran reto cos recursos que a sociedade demanda, obtendo unha ensinanza de primeiro nivel e coa preparación necesaria".
316 millóns do Goberno para impulsar a FP en Galicia
Pola súa banda, Pedro Blanco destacou "os 316 millóns de euros que o Goberno de España destina para impulsar a modernización da FP en Galicia" e subliñou a importancia que para este Goberno ten a Formación Profesional. "Esta nova normativa permitirá a creación de máis de 26.000 novas prazas de formación profesional, ao tempo que permitirá que máis de 85.000 galegos e galegas poidan, a través dos certificados de profesionalidade, acreditar a formación que foron obtendo grazas a esa experiencia laboral", subliñou o delegado do Goberno.
Por último, quixo aludir á "igualdade que hoxe en día presentan as formacións profesionais coas universitarias, que xa son equiparables no relativo tanto á calidade como á demanda".
Galicia recibirá máis de 10,5 millóns de euros para crear 5.613 novas prazas de FP ata finais do ano 2024
O Consello de Ministros aprobou a semana pasada destinar 18.517.704 euros a Galicia para a Formación Profesional, Educación Infantil, a ensinanza de programación e robótica, e a escolarización de desprazados pola guerra de Ucraína.
A nosa Comunidade recibe así, 10.524.375 euros para a creación de 5.613 novas prazas de Formación Profesional de aquí a finais do ano 2024.
Desde o ano 2019, o orzamento do Goberno destinado a Formación Profesional aumentou nun 865 %, o que permitiu a creación de novas titulacións e cualificacións profesionais, a modernización do sistema ou o incremento do volume de estudantes de FP, entre outras cousas.