Estás en:Novas

O deputado Xosé Lois Penas entrega a João Canijo o Premio Cineuropa

A Deputación colabora cunha nova edición do Cineuropa, a cita cinéfila por excelencia de Santiago de Compostela

Penas fixo referencia ao cine como "parte dese patrimonio temporal que estamos a vivir" e á figura de João Canijo "parte dese colectivo de persoas que dende o seu obradoiro de emocións nos trasladan a un mundo tan noso e tan próximo"

O deputado Xosé Lois Penas entrega a João Canijo o Premio Cineuropa

O compostelán Teatro Principal acolleu este domingo a entrega do Premio Cineuropa a João Canijo, nun acto no que participou o deputado Xosé Lois Penas en representación da Deputación da Coruña, que apoia un ano máis a este festival, en liña co seu compromiso de apostar pola difusión e a creación cultural a través dos festivais como plataformas de promoción da cultura galega e tamén da achega de novos públicos.

O deputado, que comezou a súa intervención parabenizando á organización do Cineuropa e ó Concello de Santiago pola lonxevidade "dun dos festivais máis importantes do Estado" foi o encargado de entregar o premio ao cineasta portugués. "O cine é parte do patrimonio temporal que estamos a vivir", sinalaba, "e João forma parte dese colectivo de persoas que dende o seu obradoiro de emocións trasládannos a un obradoiro tan noso e tan cercano, non so pola proximidad dos dous países, Galiza e Portugal, senon porque ambos transitamos no mesmo plano emocional e social", engadía.

Nunha xornada marcada pola homenaxe á figura de João Canijo, Penas puxo en valor o seu cine, "que nos fala de feminismo, tradicións, do cotiá e dunha lingua propia común" apuntaba. "João fálanos dese mundo que habitamos, con historias, relatos, de todos e de todas nós".

Trala entrega do galardón, o deputado rematou felicitando ao cineasta e ao seu equipo, para posteriormente dar paso á proxección de Mal Viver, "unha película que premia a João, a Cineuropa e a Compostela".