Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aproba mocións pedindo remuneracións dignas para os avogados de quenda de oficio e condenando os ataques ás sedes socialistas

Ambas as mocións contaron co apoio de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención do Partido Popular

A Deputación da Coruña aproba mocións pedindo remuneracións dignas para os avogados de quenda de oficio e condenando os ataques ás sedes socialistas

A Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia e ao Goberno central a garantir unha remuneración digna aos avogados e procuradores de oficio.

Así o aprobou o pleno da entidade este venres, 24 de novembro, despois de aprobar a moción presentada polo Goberno provincial, que contou cos votos favorables de PSdeG PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención do PP.

O documento insta a promover as modificacións normativas necesarias para garantir unha remuneración digna das actuacións realizadas polos profesionais da avogacía e procuradores que traballan na quenda de oficio.

Tamén se solicita a remuneración da totalidade das actuacións e do servizo, ademais da actualización anual ao IPC, establecendo orzamentos específicos para a Xustiza Gratuíta.

No texto, a Deputación tamén insta aos mesmos organismos a establecer un marco xurídico de referencia, aprobando un Estatuto xurídico para eles que regule a relación dos profesionais coa Administración na prestación do servizo, fixando os dereitos de conciliación, desconexión e descanso, así como os efectos de tempo traballado en materia de Seguridade Social, con carácter retroactivo, nas mesmas condicións que ao resto de traballadores.

Por último, instan a promover as modificacións normativas para realizar unha pasarela que permita a posibilidade de recuperar as súas achegas ás mutualidades privadas con destino ao Réxime de Autónomos, e a posibilidade de completar a cotización, para garantir que todos os profesionais teñen o dereito a unha xubilación digna.

A quenda de oficio, constituída por avogados e procuradores, é un servizo esencial para garantir un estado de dereito e a tutela xudicial efectiva dos máis desfavorecidos. As reclamacións que realiza o colectivo non son só económicas, se non tamén de mellora das condicións laborais como permisos, días libres e conciliación familiar.

Condena aos ataques ás sedes socialistas

Na mesma sesión plenaria o pleno aprobou a moción presentada polo Goberno provincial condenando os ataques e actos vandálicos producidos contra as sedes do PSOE en todo o territorio nacional, así como as ameazas, os insultos e ataques a membros do partido

A moción contou co voto favorable de todos os grupos, agás o PP que se abstivo.

O texto solicita que se poña fin aos discursos de odio que fomentan os comportamentos hostís contra os partidos políticos democráticos e mostra o seu apoio ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no cumprimento das súas funcións e na defensa da orde pública.

"Este tipo de ataques non son un ataque ao PSOE, senón que se trata de ataques á democracia do noso país. A sociedade galega é plural, diversa, respectuosa e tolerante, e isto vai en contra destes valores", afirma ao texto referendado hoxe polo pleno.

O pleno aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos a moción presentada polo PP instando a acometer un plan extraordinario de conservación integral da autovía A6 e rexeitou a moción do PP en relación á Lei de amnistía.