A comarca das Mariñas recibirá un investimento inicial de máis 4,5 millóns do Plan Único da Deputación
O Plan Único é a ferramenta da Deputación para o financiamento de obras e servizos públicos dos concellos da provincia
Este plan destinará un total de 50,5 millóns de euros para toda a provincia o vindeiro ano
Nos últimos anos, destináronse máis de 46 millóns de euros a esta comarca
A Deputación da Coruña aprobou no pleno do pasado venres a fase inicial do Plan Único, que destinará 50,5 millóns de euros para toda a provincia, e máis de 4,5 para a comarca das Mariñas. Así o anunciou esta mañá a deputada de plans provinciais, Cristina García Rey, nunha rolda de prensa no Concello de Betanzos, que continuou coa visita a unha das obras do Plan Único. Esta partida súmase aos máis de 46 millóns de euros que a Deputación leva investido nesta comarca nos últimos anos.
O Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña é o maior plan de cooperación municipal de Galicia e un dos máis importantes de España; unha ferramenta para o financiamento de obras e servizos públicos que melloran a vida da cidadanía en todos os concellos da provincia.
Maior autonomía municipal
"O Plan Único foi creado en 2017, deixando atrás os plans finalistas e promovendo unha maior autonomía municipal" apuntaba a deputada. "Agora son os gobernos dos concellos os que, en función da súa realidade, deciden cales son os proxectos prioritarios. Isto responde á realidade do noso país e da nosa provincia, xa que temos concellos con necesidades moi distintas e deste xeito a xestión dos recursos públicos é moito máis eficiente", engadía.
Mellora de servizos e obras
Nos últimos anos, a través do Plan Único, transferíronse máis de 46 millóns de euros aos concellos da comarca das Mariñas, que fixeron posible, por unha banda cubrir parte do gasto corrente dos concellos (alumeados públicos, auga, parques e xardíns, persoal, etc.) e, por outra, o investimento en obras (como a pavimentación de vías municipais, en Betanzos a renovación de parques como o de Pablo Iglesias, o acondicionamento de camiños como o de Caraña ou a rehabilitación dun lugar tan singular como o convento das Donas que se está a levar a cabo, entre moitas outras).
Todas estas actuacións lévanse a cabo grazas ao Plan Único, "unha ferramenta que, en definitiva, permite aos concellos atender ás necesidades e prioridades das súas veciñas e veciños", puntualizaba Cristina García.