Estás en:Novas

A Rede de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña organiza eventos para fomentar o emprendemento entre a mocidade

Os Coworking de A Pobra e LAB Barbanza (Boiro) acollen mañá xornadas educativas sobre emprendemento

O Coworking do Pazo de Arenaza recibiu onte a visita de alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura

A Rede de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña organiza eventos para fomentar o emprendemento entre a mocidade

Os coworking da Deputación na Pobra e de Boiro (LAB Barbanza) realizan mañá venres, 1 de decembro, unha actividade conxunta sobre emprendemento.

Grazas a esta actuación o alumnado do 1º curso do ciclo superior de administración e finanzas do IES Espiñeira de Boiro terá a oportunidade de aprender a emprender no marco do programa educativo para o emprendemento que desenvolve o Coworking da Pobra.

Ademais, dentro desta actividade, o alumnado realizará unha visita ao LAB Barbanza de Boiro, onde a cooperativa Kracia recibirá o grupo de estudantes, que ademais de visitar as instalacións, terá a oportunidade de coñecer os promotores desta cooperativa de márketing dixital.

A continuación, o grupo desprazarase ao Coworking da Pobra, onde dúas excoworkers, promotoras dos proxectos Exeria e Treboada, e a xestora do centro, da empresa Promove, organizan a xornada "Cafés feministas para emprender". A organización desta xornada é o resultado das sinerxías entre tres mulleres emprendedoras, en diferentes etapas, que se unen para axudar a outras persoas que, coma elas, buscan apoio para gañar confianza na aventura de emprender. Arredor dun café, os grupos de alumnos e alumnas participantes terán a oportunidade de analizar o emprego e o emprendemento no Barbanza para reflexionar arredor dalgunhas cuestións de xénero que inflúen á hora de emprender.

Estudantes de Arquitectura visitaron Arenaza

Por outra banda, o coworking do Pazo de Arenaza recibiu onte a visita dos alumnos e alumnas da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

Durante a súa visita os futuros arquitectos e arquitectas coñeceron de primeira man o funcionamento do coworking, tiveron ocasión de resolver as súas dúbidas relacionadas cos espazos de traballo colaborativo e descubriron as posibilidades que lles brinda o Pazo de Arenaza de cara ao seu futuro.

Os distintos espazos que forman parte da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña supoñen unha referencia para o emprendemento, non só no relativo á organización deste tipo de actividades, de fomento do emprendemento, senón tamén como centros especializados onde recibir apoio e asesoramento para iniciar a actividade empresarial, ademais de establecer redes de colaboración con outras persoas emprendedoras.

Pode atopar máis información sobre todos os centros que integran a Rede Provincial de Coworking na súa páxina web: https://redecoworking.pel.gal/