Estás en:Novas

Europe Direct A Coruña organiza o encontro en liña ‘Ventana a Europa’ para dar a coñecer o traballo e as opcións de participación que ofrece o Parlamento Europeo á mocidade

A actividade está dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos

Terá lugar o 12 de marzo ás 13.30 horas e é necesaria a inscrición previa para participar

Europe Direct A Coruña organiza o encontro en liña ‘Ventana a Europa’ para dar a coñecer o traballo e as opcións de participación que ofrece o Parlamento Europeo á mocidade

A charla en liña Ventana a Europa é unha oportunidade para descubrir a relevancia das decisións do Parlamento Europeo na actividade diaria da cidadanía e coñecer as oportunidades para participar que ofrece, especialmente dirixidas á mocidade.
Esta actividade terá lugar o 12 de marzo ás 13.30 horas e está organizada polos centros EUROPE DIRECT A Coruña – Deputación da Coruña e EUROPE DIRECT Asturias – Federación Asturiana de Concejos. Está dirixida a persoas entre 18 e 30 anos, que deben rexistrarte ata o 11 de marzo ás 12 horas para poder participar.
A encargada de presentar as oportunidades e accións da institución europea será Julia Borque, persoal do departamento de Relacións Públicas e Institucionais da Oficina do Parlamento Europeo en España, que colabora nesta acción. Abordará o papel da institución no día a día, as oportunidades para a xente nova e as accións que realizan dende www.todosjuntos.eu, unha comunidade onde se poden atopar eventos, testemuñas, recursos e formacións para implicar á cidadanía europea de cara ás vindeiras eleccións ao Parlamento, que se celebran o 9 de xuño.
Tamén estarán compartindo a súa experiencia dúas das persoas que participaron este ano no bootcamp Very European People, organizado pola Oficina do Parlamento Europeo en España. Emma Fernández, que pertence ao ClubUE de EUROPE DIRECT A Coruña, e o asturiano Alfonso de la Fuente, darán a súa visión como mozos implicados na democracia europea. Ademais, está previsto un diálogo entre os relatores e as persoas asistentes.
EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.
Pódese solicitar máis información a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou no teléfono 981 080 331. O rexistro realízase a través da páxina web: https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/ventana-europa/