Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia con 1 millón de euros a 128 clubs deportivos da provincia que participan en competicións de ámbito nacional e internacional

Participan en competicións do máis alto nivel en todas as especialidades deportiva co apoio económico da Deputación

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou a "importante contribución deste programa para apoiar os principais equipos do deporte coruñés"

A Deputación da Coruña apoia con 1 millón de euros a 128 clubs deportivos da provincia que participan en competicións de ámbito nacional e internacional

A Deputación da Coruña destina 1.012.078 euros a apoiar os clubs deportivos e deportistas da provincia que participan en competicións de ámbito nacional e internacional.

A resolución provisional deste programa de apoio ao deporte coruñés, publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia, beneficia a un total de 128 clubs coruñeses masculinos e femininos de todas as especialidades deportivas (fútbol, baloncesto, atletismo, balomán, rugby, natación, piragüismo, remo, ciclismo, voleibol, hockey, ximnasia, judo, taekwondo...) que participan en competicións deportivas do máis alto nivel. Outras sete axudas, por importe de 34.098 euros, están condicionadas á achega de documentación complementaria.

Entre as subvencións de maior importe destacan as do Club Viaxes Amarelle de fútbol sala feminino (37.005 euros), que participan na primeira división nacional, a Escola Basket Xiria (30.865 euros) e o Club Baloncesto Culleredo (30.865 euros) que participan na Liga EBA de baloncesto, a S.D. Compostela (25.339 euros), que participa na 2ª división RFEF masculina ou O Parrulo Fútbol Sala (23.190 euros), que participa na 2ª división da liga de fútbol sala.

O deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, destacou a "importante contribución deste programa para apoiar aos principais equipos do deporte coruñés e situalos á vangarda do deporte nacional".

As subvencións poden consultarse na BOP de hoxe:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/03/26/2024_0000002046.pdf