Estás en:Novas

A deputada de igualdade, Soledad Agra, visita a Fundación Mujeres na súa sede da Coruña

Na reunión estivo presente a Secretaria Xeral da Fundación, Cristina García Comas e o persoal encargado dos diversos programas que se desenvolven na provincia

A entidade recibe unha subvención para o seu programa EMPODERAMENTO E PARTICIPACIÓN. SERVIZO APOIO INTEGRAL A COIDADORAS NO MEDIO RURAL de 24.000 euros

A deputada de igualdade, Soledad Agra, visita a Fundación Mujeres na súa sede da Coruña

A sede coruñesa da Fundación Mujeres acolleu a visita da deputada de igualdade, Soledad Agra, que se reuniu coa a Secretaria Xeral da Fundación, Cristina García Comas e o persoal encargado dos diversos programas que se desenvolven na provincia.

Fundación Mujeres desenvolve un programa que conta co apoio da área de igualdade da Deputación, que se organiza en torno ás accións de intervención directa coas mulleres coidadoras, tanto de atención individualizada como desde o apoio prestado a partir da intervención grupal. A intervención estrutúrase arredor do Punto de Acollida e Asesoramento, a Formación para o empoderamento persoal e animación á participación social e laboral e actividades de reforzo como son os espazos de participación.

A Deputación financia este programa con 24.000€ neste ano 2024, cantidade que tamén recibiu en 2023. O obxectivo do programa é favorecer os procesos de empoderamento persoal das mulleres coidadoras para lograr a súa participación social e laboral, así como o exercicio dos seus dereitos e dunha cidadanía activa.

Na reunión tamén se fixo unha valoración moi positiva do programa apoiado pola Deputación, que se financia desde hai 10 anos. No ano 2023 realizáronse 7 talleres de empoderamento persoal e 5 de activación social. Tamén se crearon 3 espazos de participación concibidos como actuacións puntuais de carácter flexible, dinámico e aberto que posibilitan dar resposta a necesidades concretas das diferentes usuarias ou a temáticas do seu interese e que veñen complementar aquelas temáticas abordadas nos talleres relacionadas directamente coa activación persoal, social e laboral das coidadoras e proporcionan un espazo de encontro no que poden intervir activamente, intercambiar experiencias e establecer redes.

No punto de asesoramento atendéronse e asesoráronse 121 mulleres sobre aspectos relacionados con todo o que se traballa no Servizo, como son: os coidados e as coidadoras, o autocoidado, a participación social e laboral e a corresponsabilidade, ademais sobre outros recursos do territorio. Nos talleres que se desenvolveron nos concellos de Arteixo, Arzúa, Betanzos, Carballo, Cerceda, Irixoa, Negreira, Laracha (Vilaño), Padrón, Santa Comba participaron case 500 mulleres en todas as actividades realizadas.

Ademais, a deputada comprometeuse a estudar outras vías de colaboración coa entidade nos diversos programas que realizan en Galiza como é o programa cuidadanas dirixido a mulleres coidadoras e tamén o de empregabilidade con mulleres en situación de vulnerabilidade.