Estás en:Novas

Aberto o prazo de inscrición para os campamentos de verán da Deputación

As inscricións están abertas atao 28 de maio nos concellos da provincia e hai 500 prazas dispoñibles en cinco quendas

O campamento están dirixidos á rapazada de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse durante os meses de xuño e xullo no IES Rosalía Mera da Deputación, na cidade da Coruña

O programa contempla un amplo abanico de actividades deportivas, culturais e de ocio

Aberto o prazo de inscrición para os campamentos de verán da Deputación

A Deputación da Coruña abre o prazo para que os rapaces e rapazas da provincia se apunten aos campamentos deportivos de verán que a institución vai levar a cabo nos meses de xuño e xullo. As inscricións poderán realizarse ata o 28 de maio nos concellos da provincia.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, situado na cidade da Coruña, en cinco quendas de seis días de duración. O prezo do campamento é de 85 euros, que inclúe transporte, estadía e manutención, así coma o gasto das actividades.

O deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, destacou que os campamentos de verán da Deputación contemplan "un amplo programa de actividades, tanto deportivas coma de ocio para que os nenos e nenas poidan gozar dun verán cheo de actividades, aprendizaxe e ademais compartan vivencias"

Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en zonas de interese na provincia da Coruña. As actividades e xogos buscarán en todo momento fomentar a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais.

Entre o equipamento recomendado pola organización para a estadía dos rapaces figura roupa de rúa e deportiva, toallas e útiles de aseo, saco de durmir e lanterna, gafas de sol, crema protectora, chuvasqueiro e mochila.

As quendas deste ano son as seguintes:

1ª quenda (do 23 ao 28 de xuño): Boiro, Brión, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fisterra, Lousame, Muros, Muxía, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas

2ª quenda (do 30 de xuño ao 5 de xullo): Aranga, Bergondo, Cabanas, A Capela, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Melide, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, As Pontes, Sada, Santiago de Compostela, Vilarmaior e Vilasantar.

3ª quenda (do 7 ao 12 de xullo). Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Cerceda, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Rois, Santiso, Sobrado dos Monxes, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

4ª quenda (do 14 ao 19 de xullo). Arteixo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cambre, Carballo, Carral, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Mugardos, Oleiros, Ponteceso e Santa Comba.

5ª quenda (do 21 ao 26 de xullo). Ares, Cariño, Cedeira, Cerdido, A Coruña, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.