Formoso asistiu á presentación do Plan Director do Corredor do Atlántico para Galicia
O ministro de Transportes, Óscar Puente, anunciou un investimento de 4.561 millóns de euros ata o 2030 para o seu desenvolvemento
Destaca a creación dun grupo de traballo coa patronal galega para facer un seguimento, que estará coordinado polo Comisionado e contará cunha oficina con sede en Galicia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta mañá no Concello da Coruña ao acto de presentación do Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia.
O plan, que foi presentado polo ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a alcaldesa da cidade, Inés Rey, e o Comisionado do Ministerio para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, entre outras autoridades.
Durante a súa intervención, Puente anunciou un investimento de 4.561 millóns de euros ata o 2030 para o seu desenvolvemento e destacou a creación dun grupo de traballo coa patronal galega para facer un seguimento da evolución das distintas actuacións e axilizar a súa execución, que estará coordinado polo Comisionado e contará cunha oficina con sede en Galicia.
Do investimento previsto nos próximos 6 anos, 3.059 corresponden a actuacións incluídas pola Unión Europea na rede básica, cuxo horizonte temporal é 2030, dos que 1.502 millóns corresponden a desenvolvementos que, aínda que forman parte do compromiso con Europa para 2050, o Goberno decidiu adiantalos a 2030 para mellorar a conexión e a intermodalidade en Galicia, dando resposta ás demandas sociais.
Dos 4.561 millóns de euros previstos para impulsar a rede Transeuropea de Transporte, uns 3.355 millóns destinaranse ao desenvolvemento da infraestrutura ferroviaria. Nestes momentos xa hai obras en execución por valor de 1.312 millóns de euros. Ata 2030 investiranse 1.501 millóns correspondentes a proxectos incluídos na rede básica e 541 millóns que se adiantarán da rede global.
Máis investimentos para a provincia da Coruña
Nas infraestruturas viarias, Galicia percibirá 801 millóns ata 2030. Desta parte, Puente destacou varios dos investimentos máis importantes que se realizarán na provincia da Coruña, como o de Pedralonga, en servizo desde febreiro, e a nova ligazón de Sol y Mar en Oleiros, con máis espazo verde e peonil, que estará completo este verán.
Ademais do porto, o Ministerio está a levar a cabo outras actuacións na cidade da Coruña, tal e como enumerou o ministro: a pasarela; a remodelación da Avda. Alfonso Molina, en obras desde xaneiro e coa aprobación do proxecto da súa integración con sendas peonís e ciclistas en coordinación co Concello; e a estación intermodal de Coruña-San Cristóbal, xa en execución por valor de máis de 72 millóns de euros.