Estás en:Novas

A Deputación da Coruña resalta a Semana Santa de Ferrol como un referente en España

Formoso participou na presentación do cartel da Semana Santa 2025, onde resaltou os catro séculos de historia "dunha tradición que combina espiritualidade, arte e historia"

A Deputación da Coruña resalta a Semana Santa de Ferrol como un referente en España

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde no Antigo Hospicio acto de presentación do cartel da Semana Santa de Ferrol 2025, un evento que inicia a programación desta conmemoración. Declarada Festa de Interese Turístico Internacional dende 2014, a Semana Santa de Ferrol combina a riqueza patrimonial e relixiosa da cidade cunha enorme capacidade para dinamizar a economía local polos miles de visitantes que recibe durante eses días.

Durante a súa intervención, Formoso destacou o compromiso da Deputación coa promoción da Semana Santa de Ferrol, que conta con 400 anos de historia e que cada ano atrae milleiros de fieis e visitantes, contribuíndo a poñer en valor o enorme patrimonio histórico e artístico da cidade.

"A Semana Santa de Ferrol é un referente en toda España, un motivo de orgullo para toda a provincia, un escaparate perfecto para proxección nacional e internacional da cidade e unha oportunidade para fortalecer a economía e o turismo local," sinalou o presidente, que destacou que, dende hai moitos anos, a Deputación é a responsable de editar os carteis, programas e revistas da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa ferrolá.

Ademais, Formoso puxo en valor o traballo das confrarías, asociacións e veciñanza, que coa súa implicación e dedicación fan posible esta conmemoración ano tras ano, e resaltou a importancia de preservar e divulgar o patrimonio cultural vinculado á Semana Santa ferrolá, "unha tradición moi arraigada que combina espiritualidade, arte e historia".