Estás en:Novas

Comezan na Fundación Luís Seoane as xornadas sobre deseño de produtos alimentarios organizadas pola Deputación

A deputada de cultura, Natividade González, asistiu esta mañá á inauguración destas xornadas que complementan o premio de deseño Luís Seoane, acompañada do comisario do certame, Pepe Barro

Baixo o nome "Do deseño tamén se come e se bebe" a Fundación Luís Seoane acollerá, hoxe e mañá, unha quincena de actividades entre relatorios e masterclass con profesionais de referencia do deseño en Galicia, Cataluña e Portugal

"Desde a área de cultura da Deputación, este ano demos un paso histórico: por primeira vez puxemos en marcha un premio específico de deseño, o Premio Luís Seoane, que fallamos recentemente, así como as actividades complementarias organizadas ao redor deste certame como esta que hoxe celebramos" sinalou a deputada

Comezan na Fundación Luís Seoane as xornadas sobre deseño de produtos alimentarios organizadas pola Deputación

A Fundación Luís Seoane convértese, hoxe e mañá, no epicentro do deseño galego, acollendo as primeiras Xornadas sobre deseño de produtos alimentarios 'Do deseño tamén se come e se bebe' organizadas pola área de cultura da Deputación no marco do Premio Luís Seoane de deseño que convoca a propia entidade provincial. A deputada de cultura, Natividade González, foi a encargada de inaugurar o encontro, xunto co comisario do certame, Pepe Barro.

"Desde a área de cultura da Deputación, este ano demos un paso histórico: por primeira vez puxemos en marcha un premio específico de deseño, o Premio Luís Seoane de Deseño, que fallamos recentemente, e as actividades complementarias organizadas ao redor deste certame como esta que hoxe celebramos" sinalou a deputada. "Quixemos facelo con ambición e con visión, recoñecendo que o deseño non é só unha disciplina creativa, senón unha ferramenta esencial para o desenvolvemento cultural, económico e social do país".

Natividade González puntualizou que "non é casual" que leve o nome de Luís Seoane: "é unha homenaxe a quen entendeu o deseño como un acto de compromiso, como un vínculo entre a cultura, a industria e a cidadanía. Un creador que soñaba cun país onde a forma tamén contase, e que loitou por facelo realidade desde moitos frontes". Nese sentido, estas xornadas, sinalou, "son unha extensión dese soño e dese compromiso. Porque o sector agroalimentario é un dos espellos máis poderosos da nosa identidade. E é tamén un campo fértil para o deseño: desde a etiqueta dun viño ata a forma dun queixo, desde o relato dun produto ata a súa presentación ou distribución".

Durante estes dous días, o público terá a oportunidade de achegarse ao traballo de Guillotina Estudo, Cenlitros, Desoños, Uqui Permui, Imaxe, Studio Teiga, Costa, Elga Lamas e Rebeca Ces, entre outros estudos participantes. Falarán polo miúdo da identidade gráfica dos produtos que deseñan, desde as galletas Maruxas de nata á cervexa Estrella Galicia, os ovos do Pazo de Vilane, o Queique de Ordes, a empanada Millo verde ou o queixo Cortes de Muar.

O programa inclúe dúas clases maxistrais: a do catalán Àlex Gobern, actual presidente da ADG-FAD, que conta con vinte e cinco anos de experiencia traballando para marcas relevantes, e a de Eduardo Aires, o máis recoñecido dos deseñadores portugueses. Tamén compartirán experiencias, en conversas con Pepe Barro, dous emprendedores do sector: Nuria Varela-Portas, do Pazo de Vilane, e Xosé Ramón Durán, CEO de Terra de Asorei.