Estás en:Novas

A Deputación instalará en Betanzos unha exposición permanente sobre o Reino de Galicia

A deputada de cultura, Natividade González, e alcaldesa brigantina, María Barral, asinaron está mañá o protocolo previo ao convenio no que se regulará o réxime de uso do novo espazo museográfico

"Esta exposición non será un proxecto illado, senón o primeiro alicerce para un fito histórico: o que aspiramos a que se converta nun centro de interpretación sobre o Reino de Galicia, unha etapa clave na construción da identidade galega e que durante demasiado tempo permaneceu silenciada", anunciou González

A Deputación instalará en Betanzos unha exposición permanente sobre o Reino de Galicia

Betanzos contará, co apoio da Deputación da Coruña, cunha exposición permanente sobre o Reino de Galicia co obxectivo de contribuír á difusión da historia e da identidade galegas a través dunha instalación museográfica estable que se converterá no primeiro centro de interpretación daquela época. A deputada de cultura, Natividade González, e alcaldesa brigantina, María Barral, asinaron está mañá o protocolo previo ao convenio no que se regulará o réxime de uso do novo espazo onde se instalará a mostra.

Segundo o protocolo, o Concello de Betanzos comprométese a redactar e executar o proxecto de rehabilitación dun edificio de titularidade municipal –na traseira da actual sede da Policía Local, na zona vella da localidade–, adaptándoo ás necesidades técnicas e espaciais que requira unha instalación expositiva permanente. O Concello asumirá a totalidade do custo da obra e notificaralle á Deputación a data prevista de finalización unha vez estea adxudicada.

A Deputación comprométese a iniciar o procedemento de contratación para o deseño museográfico da exposición logo da sinatura do protocolo. Este procedemento de contratación non se iniciará ata que o Concello de Betanzos teña finalizado e aprobado o proxecto técnico de rehabilitación do inmoble e llo facilite á Deputación, co obxectivo de adaptar o deseño expositivo ás características arquitectónicas e funcionais definitivas do espazo.

Unha vez adxudicado o contrato das obras e coa previsión da data da súa finalización, formalizarase un convenio no que se regulará o réxime de uso do inmoble e que habilitará á Deputación para contratar a produción e instalación da exposición permanente.

A recuperación da historia do Reino é unha das principais liñas de traballo da área de cultura da Deputación da Coruña. Neste marco, a institución promove, entre outras iniciativas, o Fondo de proxectos culturais Reino da Galicia, que vén de escoller as quince propostas premiadas na súa terceira edición, cun investimento de 188.515 euros.

"Hoxe é un día de especial relevancia para a cultura e a historia de Galicia", destacou a titular de Cultura. "Hoxe en Betanzos", engadiu, "damos un paso fundamental na posta en valor do noso pasado coa sinatura dun protocolo para a instalación dunha exposición que non é un proxecto illado, senón o primeiro alicerce para o que aspiramos a que se converta nun centro de interpretación sobre o Reino de Galicia, unha etapa histórica clave na construción da identidade galega e que durante demasiado tempo permaneceu ausente dos espazos expositivos permanentes do país".

González falou de "crear un espacio único, onde a historia do Reino de Galicia cobre vida a través das máis modernas técnicas museográficas". "Queremos", explicou, "que quen visite a exposición non só aprenda, senón que sinta e viva esa época histórica tan determinante para entender o que somos hoxe". Pola súa banda, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, da alcaldesa, María Barral, sinalou que "será a exposición ou centro museístico permanente máis importante de Galicia sobre o antigo Reino de Galicia e un polo máis de atracción para visitar o casco histórico".

A Deputación, confirmou González, seguirá apostando "por proxectos que poñan en valor a nosa historia e a nosa cultura, porque o Reino de Galicia forma parte do noso ADN como pobo e é responsabilidade das institucións públicas garantir que esa memoria histórica se preserve, se estude e se transmita ás futuras xeracións".

A deputada agradeceulle ao Concello de Betanzos "o seu compromiso coa rehabilitación do inmoble e a súa colaboración para facer posible este espazo". "Estamos convencidos", rematou "de que este centro se converterá nun punto de encontro para investigadores, estudantes e para a cidadanía en xeral, con capacidade para dinamizar a cultura e o turismo da comarca e para proxectar o coñecemento do Reino de Galicia a nivel internacional".