Ferrol convértese no epicentro internacional do surf coa celebración do Gadis Surf Festival 2025
As deputadas Rosa Ana García e Cristina García participaron na presentación do evento, que se celebra entre os días 25 e 29 de xuño nas praias da Fragata e Esmelle
A Deputación da Coruña apoia esta e as outras dúas probas que a World Surf League celebrará este ano en España, que terán lugar as tres na provincia da Coruña: Gadis Longboard Festival Ferrol, Abanca Pantín Classic Galicia Pro e o Cabreiroá Junior Pro Razo, cun investimento de 300.000€

O Gadis Surf Festival Ferrol 2025 xa está en marcha. O Cámping das Cabazas acolleu esta mañá o acto de presentación oficial dun dos eventos deportivos máis destacados do calendario do surf nacional. As deputadas provinciais Rosa Ana García e Cristina García participaron no encontro, acompañadas de autoridades locais, patrocinadores e representantes da organización, para dar a benvida a unha nova edición dun festival que vai máis alá da competición.
"Agradecemos a implicación da organización e de todas as persoas, empresas e institucións que fan posible un evento como este, que sitúa Ferrol e as súas praias nun lugar privilexiado do surf mundial", destacou a deputada. O festival celebrarase entre os días 25 e 29 de xuño nas praias da Fragata e Esmelle, cunha programación que mestura deporte de alto nivel, lecer, cultura e compromiso co medio ambiente.
A nivel competitivo, o Gadis Surf Festival Ferrol 2025 inclúe tres probas principais: o Longboard LQS 1.000, o Junior WSL JQS 1.000 —que se incorpora por primeira vez—, e os trial galegos, que permitirán a catro surfistas da comunidade acceder á competición oficial. Ademais, esta edición incorpora un atractivo campionato de skate que amplía o perfil urbano do festival.
O evento tamén aposta pola participación cidadá, con actividades gratuítas de iniciación ao surf e ao skate para todas as idades, concertos ao solpor, unha zona market con propostas sostibles e oferta gastronómica. Un dos espazos centrais será o cámping das Cabazas, recuperado como zona oficial de acampada para público e participantes.
Desde a Deputación da Coruña, o apoio ao deporte é unha prioridade. "Este ano destinamos máis de 4,5 millóns de euros ao apoio directo de clubs e entidades deportivas da provincia", sinalou Rosa Ana García, que lembrou tamén que a institución provincial promove tamén grandes eventos de impacto coma este, cunha liña de subvencións que abrangue 24 probas de alto nivel, entre elas o Pantín Classic e o propio Gadis Surf Festival Ferrol.
Cristina García Rey sinalou que este evento é "unha mostra clara do potencial que temos. E cómpre dicilo con orgullo: Galicia é o territorio con máis probas da liga mundial de surf do mundo, o que demostra que somos un destino consolidado, con praias de calidade e un modelo que aposta pola sustentabilidade"
O Gadis Surf Festival Ferrol 2025 arrinca así cunha clara vocación de excelencia deportiva e respecto polo contorno. A partir do 25 de xuño, Ferrol volverá ser referencia mundial do surf.