"Bosques e Natureza nos fondos provinciais"
Unha nova mostra bibliográfica na Biblioteca na que se destacan materiais, tanto de ficción como non ficción, sobre espazos verdes coñecidos da nosa provincia.

O verán trae unha nova mostra bibliográfica á BPDC, "Bosques e Natureza nos fondos provinciais". Todo un refuxio verde para os días máis calorosos da época estival.
Unha selección de materiais para mergullarnos nos bosques da nosa provincia, sentir o vento na cara nos Penedos de Pasarela e Traba, escoitar lendas, historias e segredos agochados no Pindo, e rematar na fraga de Cecebre onde quizais ver, ou non, a Fiz Cotovelo!
Podedes visitar esta exposición na entrada da Biblioteca durante todo o verán. Un percorrido á sombra no que atoparedes dúas vitrinas dedicadas ao público xuvenil e outras cinco dirixidas ao público adulto, nas que podedes achar información e ficción de lugares como o Xeoparque Cabo Ortegal, o Bosque Animado de Wenceslao Fernández Flórez ou sobre pazos e xardíns.