Estás en:Novas

A Deputación presenta a páxina web da comarca do Eume ‘Eume Vivo’

O vicepresidente, Xosé Regueira presentou esta mañá o proxecto, que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Fragas do Eume", financiado co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) - Next Generation EU, acompañado do alcalde de Cabanas, Fernando Couce e representantes dos concellos implicados no plan

O obxectivo do portal é dar a coñecer os recursos turísticos dispoñibles no territorio así como ofrecer información verídica e de calidade tanto ao turista como á poboación local e aos axentes do sector

A Deputación presenta a páxina web da comarca do Eume ‘Eume Vivo’

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, presentou esta mañá en Cabanas a páxina web turística da comarca do Eume 'Eume Vivo', xunto ao alcalde de Cabanas, Fernando Couce. Esta iniciativa forma parte dunha actuación de transición dixital contemplada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Fragas do Eume", promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O obxectivo de https://eumevivo.com é dar a coñecer os recursos turísticos dispoñibles no territorio así como ofrecer información verídica e de calidade tanto ao turista como á poboación local e aos axentes do sector. "Unha ferramenta máis para desenvolver turismo neste territorio, e para captar tanto un público xeral como profesional", tal e como sinalou Regueira. Así, a páxina dispón dun espazo dedicado ao turista e outro dedicado aos profesionais do sector.

Neste sentido, nun acto no que tamén estiveron presentes representantes dos concellos implicados e parte do sector empresarial ca comarca, o vicepresidente puxo en valor o "sector privado" xa que "sen eles o turismo non ten sentido" xa que, tal e como explicou, "é moito máis que unha paisaxe bonita; iso é só a materia prima, pero a materia económica é a máis importante e, por iso, debemos apostar por este tipo de turismo que xera oportunidades de negocio e empregabilidade no territorio".

Ademais, Regueira sinalou que o seguinte paso é a creación e venda de paquetes turísticos, para "ofrecer experiencias turísticas completas e atractivas e buscar, así, a rendabilidade económica para as empresas da comarca que están apostando polo territorio e para o propio Plan de Sustentabilidade Turística que promovemos dende a Deputación".