Estás en:Novas

Margarita Ledo, Ángela Andrada e Borja Casal, galardoados nos I Premios “José Gil” de audiovisual da Deputación

A institución provincial recoñece a traxectoria da cineasta e profesora, a obra de ficción 'Mamá Benidorm' de Andrada, e a longametraxe documental de Casal, 'Todo pode esperar'

Os tres creadores recibirán 6.500 euros como premio

Margarita Ledo, Ángela Andrada e Borja Casal, galardoados nos I Premios “José Gil” de audiovisual da Deputación

Xurado

A cineasta e profesora Margarita Ledo, a guionista Ángela Andrada e o documentalista Borja Casal foron os nomes recoñecidos na primeira edición do Premio "José Gil" de audiovisual, convocado pola área de cultura da Deputación da Coruña para apoiar a creación cinematográfica en lingua galega e destacar traxectorias de especial relevancia no sector e comisariado por Manolo González. Cada un dos galardoados recibirá un premio de 6.500 euros.

A decisión foi tomada durante a reunión do xurado celebrada no Pazo Provincial, presidida pola deputada de cultura, Natividade González, e formada por profesionais de referencia do audiovisual galego: Pepe Coira, Manuel Castelao Mexuto, Beli Martínez, María Yáñez Anllo e José Manuel Sande García.

Así, o xurado acordou conceder o premio á traxectoria a Margarita Ledo, valorando o seu compromiso firme e continuado co cinema en galego desde múltiples frontes: como creadora, como intelectual e como impulsora de iniciativas esenciais para a consolidación dun audiovisual galego forte e con identidade. A súa achega, ao longo de décadas, converteuna nunha figura central da cultura do país.

Na modalidade de guión de longametraxe de ficción, a obra gañadora foi 'Mamá Benidorm', de Ángela Andrada. O xurado destacou a súa capacidade para construír unha historia íntima e poderosa sobre a relación entre unha nai e a súa filla adolescente, que transcende o ámbito familiar para ofrecer unha reflexión profunda sobre o papel das mulleres na sociedade contemporánea.

En guión de longametraxe documental, o premio recaeu en 'Todo pode esperar', de Borja Casal. A obra foi recoñecida pola súa madurez narrativa e pola sensibilidade coa que aborda o percorrido vital da súa personaxe protagonista, conectando a súa historia persoal coa memoria colectiva e cultural da Galicia das últimas décadas, especialmente no ámbito musical.

Con esta primeira edición dos Premios "José Gil", a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co impulso ao cinema galego e coa visibilización do talento creativo, apostando pola lingua e a cultura propias como base dunha creación audiovisual sólida, contemporánea e internacionalmente recoñecida.