O Festival C volve encher de cultura as rúas de Compostela co apoio da Deputación
"O festival está en consonancia co traballo do departamento provincial de Cultura, onde se destaca a importancia, cultural e patrimonial, de entender a cultura como un dereito para todos e todas, así que é unha obriga por parte de administracións coma a nosa preservar ese dereito", asegurou hoxe o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, na presentación do programa

O Festival C volverá facerse coas rúas de Compostela do 4 ao 28 de agosto. A cita, unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña, presentouse esta mañá na capital galega, nunha rolda de prensa na que participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago, Míriam Louzao.
Na súa intervención, o titular de Patrimonio destacou "o carácter dun festival no que se fuxe da homoxeneidade programática da maioría dos festivais, sobre todo na época estival, para pór en valor unha chea de actividades e opcións culturais que doutro xeito deberiamos ir buscar en lugares moi concretos". "E faino", engadiu, "repartido o programa entre parques, rúas, prazas, teatros e outros escenarios, para achegarse a todos os públicos".
Para Penas, co Festival C "Compostela actúa como eixo cultural e patrimonial nunha comarca na que por desgracia non todos os concellos poden optar por ter unha programación propia neste período, ou ben optan por outro tipo de festivais que xa coñecemos".
O festival, asegurou o deputado, "está en consonancia co traballo do departamento provincial de Cultura, onde se destaca a importancia, cultural e patrimonial, de entender a cultura como un dereito para todos e todas, así que é unha obriga por parte de administracións coma a nosa preservar ese dereito". "Porque como podemos comprobar", abundou, "no mes de agosto o país énchese de actividades máis ou menos culturais, pero non sempre optimizando a cuestión económica, e dende logo non sempre optimizando a cuestión de reciprocidade cultural e poñendo en valor aquelo que debemos poñer: a cultura propia".
Falou tamén Penas, para rematar, da importancia para o turismo de citas coma o Festival C: "Pensar en festivais, ou en inmensos investimentos económicos, atendendo exclusivamente a un tipo concreto de turismo e sen reparar en custos, é un erro que non nos podemos permitir como institucións que xestionan recursos públicos". "Hai", afirmou, "outro tipo de turismo: un turismo que quere participar dos lugares que visitan a través dunha experiencia inmersiva, de aprendizaxe e de sumar, e non pensando sempre que máis cartos supón máis calidade, porque case sempre ese binomio vai ligado ao criterio da administración, que se supón debe xestionar cun criterio de calidade e proximidade".
Para Louzao, "o festival achega á cidadanía compostelá e ás persoas visitantes experiencias que favorecen a participación do público e que nos moven a habitar a cidade doutra maneira, favorecendo un vínculo máis íntimo co espazo público e unha relación viva coa cultura e coa contorna".
O festival
A sexta edición do Festival C levará a distintos espazos de Compostela un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán. A praza da Quintana, o parque de Bonaval, o parque de Galeras, a Casa das Máquinas e a rúa Concepción Arenal serán os principais escenarios desta edición do festival.
Todas as actividades son de carácter gratuíto e acceso libre agás os obradoiros de circo para a rapazada que, malia ser tamén de balde, precisarán inscrición previa no enderezo circonoveoficina@gmail.com para garantir que non se superan as prazas dispoñibles en cada sesión.
O programa pódese consultar e descargar neste enderezo.