A Deputación da Coruña participa en Carballo na inauguración da exposición “50 anos coidando da terra”, dedicada á traxectoria de ADEGA
A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, destaca a necesidade de avanzar "cara a unha provincia máis verde, que combine progreso e respecto polo medio"

A deputada de Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou esta mañá en Carballo na inauguración da exposición "50 anos coidando da terra", organizada con motivo do medio século de traxectoria da asociación ecoloxista ADEGA . A mostra repasa os principais fitos do ecoloxismo galego nas últimas cinco décadas e conta co apoio da institución provincial.
No acto inaugural participaron tamén Belén Lendoiro, tenente de alcalde do Concello de Carballo, e María R. Lafuente, membro da Directiva de ADEGA.
Na súa intervención, Rosa Ana García destacou que o nome da exposición "non só resume a traxectoria de ADEGA, senón que representa tamén un principio esencial que compartimos desde a Deputación da Coruña: o coidado da terra como compromiso ético, político e social".
A deputada felicitou á entidade polo seu traballo na defensa ambiental e incidiu na necesidade de seguir apostando por "un modelo de desenvolvemento máis sostible, máis xusto e máis respectuoso co noso medio e co noso territorio".
García subliñou que a mostra "é moito máis ca un repaso histórico: é unha viaxe pola memoria do ecoloxismo galego", desde as loitas contra a contaminación industrial ata a defensa do litoral, da biodiversidade ou a denuncia dos impactos ambientais.
A deputada lembrou tamén que a Deputación da Coruña vén reforzando nos últimos anos o seu compromiso coa sustentabilidade a través de múltiples accións: programas de compostaxe, educación ambiental, mobilidade sostible, apoio ás comunidades enerxéticas ou proxectos de restauración ambiental, entre outros.
"Sabemos que queda moito por facer, pero temos clara a dirección: avanzar cara a unha provincia máis verde, que combine progreso e respecto polo medio", afirmou.