Estás en:Novas

A Coruña será o epicentro do cómic nacional este verán coa edición 2025 de Viñetas desde o Atlántico

O festival de banda deseñada da cidade herculina conta co apoio da Deputación

O deputado José Ramón Rioboo destaca que Viñetas xa é parte da identidade cultural da cidade e da provincia da Coruña

A Coruña será o epicentro do cómic nacional este verán coa edición 2025 de Viñetas desde o Atlántico

O deputado provincial José Ramón Rioboo participou esta mañá no Pazo de María Pita na presentación oficial do festival Viñetas desde o Atlántico 2025, un evento que, segundo destacou, "é xa moito máis ca unha cita obrigada do verán coruñés: é parte da identidade cultural desta cidade e tamén da provincia da Coruña".

No acto participaron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, a deputada provincial Avia Veira ou o deputado de Cultura, Gonzalo Castro.

Durante a súa intervención, Rioboo puxo en valor o compromiso da Deputación da Coruña co cómic non só como expresión artística, senón como ferramenta de transformación cultural, tanto a través do seu apoio histórico ao festival Viñetas desde o Atlántico como mediante a convocatoria do Premio Castelao de Banda Deseñada, creado no ano 2005 e consolidado como un dos galardóns máis prestixiosos do ámbito da ilustración e a narrativa gráfica galega.

Precisamente Castelao, figura esencial da cultura galega e pioneiro na linguaxe gráfica, será un dos grandes protagonistas desta edición do festival, coa que se conmemora o 75º aniversario do seu falecemento. "Que sexa el un dos protagonistas do cartel e da programación é, sen dúbida, unha homenaxe xusta e necesaria", afirmou Rioboo, lembrando que moitas das súas viñetas seguen presentes hoxe no imaxinario popular galego.
Viñetas desde o Atlántico 2025 aposta por unha edición máis ambiciosa ca nunca, con 73 autores e autoras nacionais e internacionais, 20 exposicións, concertos gráficos, obradoiros, actividades para todos os públicos e unha programación gastronómica inspirada no mundo da banda deseñada. O tema central será a relación entre o cómic e a música, con mostras como Quino na Música ou Viñetas y Decibeis, entre outras.

A Deputación participa na organización do festival xunto co Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, nun exemplo de cooperación institucional ao que se suma este ano o patrocinio privado de Estrella Galicia.
Rioboo agradeceu o labor do director do festival, Manel Cráneo, e de todo o equipo organizador "por facer das Viñetas un punto de encontro imprescindible da cultura galega e internacional", así como ás creadoras, creadores e público que cada ano se achegan á cidade da Coruña para celebrar a banda deseñada como forma de cultura popular.

"Desde a Deputación da Coruña seguiremos aquí, do voso lado, apostando polo cómic e por levar a cultura a todos e cada un dos municipios desta provincia", concluíu o deputado provincial.

Toda a programación do festival está dispoñible en: https://vinetasdesdeoatlantico.com