As feiras do libro e de artesanía da Coruña volven aos Xardíns de Méndez Núñez co apoio da Deputación
"Desde a área de Cultura", dixo a deputada Avia Veira na presentación da Feira do libro, "aplicamos con absoluto convencemento un principio básico que atravesa toda a nosa política: a cultura é un dereito, e defendemos que os recursos públicos están para garantilo"
A administración provincial financia un ano máis o ciclo de obradoiros 'Oficios ao sol', unha das propostas máis esperadas polo público de Mostrart

Desde hoxe ata o 10 de agosto, os libros volven florecer nos Xardíns Méndez Núñez, onde esta mañá se inaugurou a Feira do Libro da Coruña 2025, que cumpre a súa 54ª edición, un ano máis organizada pola Federación de Librarías de Galicia (FLG) co apoio da Deputación. A poeta Lucía Aldao deu o pregón, nun acto inaugural no que tamén participaron a deputada Avia Veira; o vicepresidente da FLG, Óscar Porral; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Un centenar de autores e autoras e 37 librarías e editoriais ‒que ofrecerán nas súas casetas novidades e clásicos con un 10 por cento de desconto‒ serán protagonistas dun extenso programa que inclúe presentacións, firmas, charlas, obradoiros e recitais poéticos. A feira incorporará ademais formatos innovadores de propostas orientadas a atraer a públicos diversos e fomentar a participación creativa: talleres de braille e actividades sobre accesibilidade literaria, sesións de contacontos infantís en lingua de signos, rutas literarias, un obradoiro de arte téxtil narrativo ou espectáculos multidisciplinares que conxugan animación, música e literatura para toda la familia.
Na relación de escritoras e escritoras que pasarán pola feira destacan Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Xabier Queipo, Xesús Alonso Montero, Pilar García Negro, Xabier Seoane, Marilar Alexadre, Berta Dávila, Samuel L. París, Lois Pérez, Bibiana Candia, Blanca Riestra, Dores Tembrás, Antía Yáñez, Susana Sánchez Arins, Arantza Portabales, Pedro Torrijos, Pedro Feijoo, Ledicia Costas ou Ramón Vilar Landeira.
Avia Veira agradeceulle á organización "o traballo para facer realidade un espazo no que se xunta unha multitude de luciñas e vagalumes dedicadas á escrita, á edición, á ilustración, á tradución ou á lectura e que representades dalgún xeito a nosa enerxía colectiva: toda a potencia do libro galego".
"Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña", dixo a deputada, "aplicamos con absoluto convencemento un principio básico que atravesa toda a nosa política: a cultura é un dereito". "Defendemos", engadiu, "o dereito a crear, a vivir da cultura, a acceder a ela independentemente de onde vivas ou dos teus recursos económicos".
Para Veira, "é un piar fundamental para construír unha sociedade máis libre e máis xusta". "Por iso", explicou, "apoiamos o acceso de todas as persoas que viven na provincia da Coruña á cultura: que desde o concello máis pequeno á cidade máis grande todas e todos poidamos gozar da inmensidade da nosa cultura". "A cultura", rematou, "non pode ser tratada como un luxo nin como unha mercadoría máis: é un dereito colectivo e defendemos que os recursos públicos están para garantilo".
O programa completo da feira pódese consultar e descargar na páxina web da Federación de Librarías de Galicia.
Mostrart
Tamén esta mañá, tamén nos Xardíns de Méndez Núñez e tamén co apoio da Deputación botou a andar a 41ª edición de Mostrart, a feira de artesanía máis importante das que se celebran en Galicia, organizada pola Asociación Galega de Artesáns.
Sesenta e dous obradoiros ‒51 de Galicia e 11 doutras comunidades autónomas do estado‒ e 43 casetas estarán presentes ata o 31 de agosto para consolidar Mostrart coma un espazo diverso e de calidade, onde se expoñen todas as técnicas e propostas do sector, desde o coiro e a madeira ao téxtil e complementos de moda, pasando pola escultura, xoiería e bixutería, xoguetes e bonecos, arte floral, cerámica ou encadernación.
Dentro das actividades do programa, volverá a ser protagonista, co financiamento da Deputación da Coruña, o ciclo de obradoiros 'Oficios ao sol', unha das actividades máis queridas polo público. Cada luns e martes, os visitantes, previa inscrición presencial na caseta de información da feira, poderán coñecer en directo o traballo dos artesáns e das artesás, quen explicarán as súas técnicas e compartirán a súa paixón polos oficios. "Volveremos a apoiar un ano máis", explicou Avia Veira, "a artesanía galega, sector indispensábel na transmisión da nosa tradición e sempre en diálogo co contemporáneo".