Estás en:Novas

Cultura da Deputación volve colaborar coa Fundación Rogelio Groba para ofrecer na Coruña as 'Noites na Cidade Vella'

Arquitectura e música de cámara serán, por cuarto ano, protagonistas dun ciclo que se celebrará do 4 de setembro ao 18 de outubro e ofrecerá once concertos con entrada libre en espazos patrimoniais e museos da zona histórica da Coruña

"Noites na Cidade Vella non só dinamiza a vida cultural, senón que tamén pon en valor o noso patrimonio e ofrece unha oportunidade única para gozar da música en directo nun ambiente máxico", destacou a deputada de Cultura, Natividade González, na presentación hoxe do programa

Cultura da Deputación volve colaborar coa Fundación Rogelio Groba para ofrecer na Coruña as 'Noites na Cidade Vella'

Arquitectura e música de cámara serán protagonistas, do 4 de setembro ao 18 de outubro, da cuarta edición das 'Noites na Cidade Vella', o ciclo de concertos que organiza a Fundación Rogelio Groba co apoio da Deputación da Coruña.

A programación presentouse esta mañá na casa do concello coruñés, nunha rolda de prensa na que interviron a deputada de Cultura, Natividade González; Rogelio Groba Otero, director artístico do ciclo e presidente da Fundación Rogelio Groba e Gonzalo Castro, edil de Cultura do Concello da Coruña.

"Este ciclo", sinalou González, "é un exemplo perfecto de como a colaboración entre institucións e entidades culturais pode dar lugar a iniciativas de gran valor". "Agradecemos á Fundación", engadiu, "o seu esforzo e a súa paixón por achegar a música a espazos tan emblemáticos, convertendo a nosa Cidade Vella nun escenario privilexiado".

A deputada reafirmou "o compromiso da Deputación con este tipo de eventos; un compromiso que reflicte a nosa convicción de que a cultura debe ser accesible e estar presente en todos os nosos concellos". "Noites na Cidade Vella", rematou, "non só dinamiza a vida cultural, senón que tamén pon en valor o noso patrimonio e ofrece unha oportunidade única para gozar da música en directo nun ambiente máxico".

Os concertos

Nesta edición, as 'Noites na Cidade Vella' ofrecerán estes once concertos, con entrada libre, en espazos patrimoniais e museos da zona histórica da Coruña:
• 4 de setembro, ás 20 horas, no Teatro Rosalía de Castro: Santiago Cañón-Valencia (cello).
• 11 de setembro, ás 2 horas, no Paraninfo do Reitorado da Maestranza: Marcos Díaz (guitarra).
• 13 de setembro, ás 20 horas, na Igrexa das capuchinas: Quartet Hana (cuarteto de corda).
• 18 de setembro, ás 20 horas, no Palacio de Capitanía: Dúo Mandala (dúo de violíns).
• 20 de setembro, ás 20 horas, na Igrexa de Santa Lucía: Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba Otero.
• 26 de setembro, ás 19 horas, no Museo de Belas Artes: Jun Hyung Lee Lee (cello) e Karla Martínez (piano).
• 2 de outubro, ás 20 horas, en Afundación: Mariana Pjrevaskaya (piano).
• 4 de outubro, ás 20 horas, na Sala de exposicións do Concello da Coruña: Kevin Zhu (violín).
• 11 de outubro, ás 12 horas, no Museo Belas Artes: Dúo Índigo (piano). E ás 20 horas, na Fundación Luis Seoane: Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba Otero.
• 18 de outubro, ás 21 horas, na Igrexa dos Dominicos: Cuarteto Casals (cuarteto de cordas).