A exposición, Golfiños na proa, inaugúrase o mércores, 10 de setembro en Fisterra.
Permanecerá aberta ao público na Lonxa ata o 24 de setembro. Posteriormente exporase en Arteixo, Boiro e Melide.

Co obxectivo de divulgar a extraordinaria riqueza de cetáceos que hai na costa de Galicia, o mércores, 10 de setembro, a Deputación da Coruña inaugura na Lonxa de Fisterra, espazo cedido pola Confraría de Pescadores Nosa Señora das Areas, a exposición Golfiños na proa, que permanecerá aberta ao público ata o 24 de setembro. Esta exposición desenvolvida pola Coordinadora para o Estudo do Mamíferos Mariños (CEMMA) consta de varios paneis informativos dos diversos cetáceos, lobos mariños e tartarugas mariñas que viven, ou pasan, pola costa galega, así como numerosos restos óseos de ditos animais. Unha exposición moi amena e educativa para calquera persoa que queira achegarse.
Posteriormente esta exposición estará aberta ao público no Museo Mar de Sorrizo de Arteixo, entre o 3 e o 15 de outubro, no hall da Casa do Concello de Boiro, entre o 17 de outubro e o 4 de novembro, e no Centro Sociocultural Mingos de Pita de Melide, entre o 14 e o 27 de novembro.
Ademais, a Deputación da Coruña facerá visitas guiadas a esta exposición, para alumnos e alumnas de educación primaria, nos concellos que o soliciten. Esta será unha oportunidade única para que os nenos e nenas podan aprender sobre os mamíferos mariños e tartarugas que temos en Galicia e podan tocar dende cranios de arroaz, toniña ou rorcual alibranco... ata vértebras da xigantesca balea azul, o animal máis grande do Planeta.
Na foto, técnica da CEMMA, preparando os materiais para a exposición.