Estás en:Novas

A Deputación financia con 90.000 euros o programa de educación ambiental do CEIDA

A iniciativa, que a institución provincial leva anos apoiando, conta con coloquios, obradoiros, visitas guiadas, exposicións itinerantes ou formacións para tratar de chegar a todos os públicos

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o director do CEIDA, Carlos Vales, asinaron hoxe o convenio

A Deputación financia con 90.000 euros o programa de educación ambiental do CEIDA

A Deputación da Coruña e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) renovan un ano máis o seu acordo de colaboración para que a institución provincial financia o Programa de educación, capacitación, divulgación e participación ambiental para a transición ecolóxica durante o 2025.

O convenio foi asinado hoxe polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director do CEIDA, Carlos Vales. O convenio recolle unha achega provincial de 90.000 euros, o que representa o 80% do custo da iniciativa.

O convenio recolle diferentes actividades relacionadas coa concienciación sobre emerxencia climática, lixo mariño e espazos naturais protexidos, ademais de promover iniciativas sobre capacitación para a transición ecolóxica, programas de divulgación ambiental, asesoramento e plans de comunicación.

Desde 2020 teñen pasado máis de 171.000 persoas polas máis de 5.500 actividades desenvolvidas polo CEIDA. Só no último ano, o centro programou 1.500 actividades, logrando atraer a case 48.500 persoas.

O presidente da Deputación destacou "o gran traballo de formación medioambiental" que o CEIDA leva desenvolvendo dende o seu nacemento. Para Formoso "é fundamental que toda a poboación, dende escolares ata especialistas, poidan ter un lugar de referencia ao que acudir á hora de formarse en cuestións como o coidado do medio ambiente e o cambio climático. Iso é precisamente o CEIDA, un dos mellores lugares de todo o Estado para aprender sobre esta materia". Por último, o presidente provincial subliñou o esforzo da entidade "para poñer en valor o patrimonio natural de toda a nosa provincia".

O programa financiado pola institución provincial abarca a transición ecolóxica dende varios formatos divulgativos: por unha banda están as visitas guiadas e, pola outra, as actividades formativas e obradoiros. No caso das visitas, moi demandadas polas persoas habituais do centro, fomentan a conservación do patrimonio natural, dan a coñecer a colectivos e institucións distintos aspectos históricos do Castelo de Santa Cruz e a súa contorna, descobren potencialidades que ten a declaración de espazo protexido e dá ferramentas necesarias para comprender os valores culturais e naturais do litoral galego.

En canto aos obradoiros, especialmente pensados para os centros educativos, céntranse nas temáticas que máis preocupan á sociedade de hoxe: a emerxencia climática, o lixo mariño ou a conservación dos océanos, pero tamén abarcan outras cuestións como a riqueza dalgúns dos nosos espazos protexidos ou as oportunidades que poden brindar figuras como a de Reserva de Biosfera para impulsar o desenvolvemento económico dun territorio.

Ademais, entre outras accións, o CEIDA inclúe nesta iniciativa xornadas sobre os efectos do lixo mariño, sesións sobre a soberanía alimentaria, exposicións itinerantes e préstamo de fondos bibliográficos ou as conversas naturalistas, que son un espazo de introdución ao mundo natural a través da experiencia de expertos.