Os fotógrafos Gervasio Sánchez e Alberto García Alix, estrelas invitadas na programación paralela do 19º Premio Luís Ksado
Para participar nestes obradoiros que terán lugar os días 9 e 10 de outubro no centro Ágora da Coruña é preciso inscribirse en https://www.dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/
A exposición das fotografías gañadoras e finalistas desta edición do certame volverá abrir a programación paralela, o día 1 de outubro no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela
O galardón homenaxea este ano a figura do fotógrafo histórico Tino Martínez, nun acto o 2 de outubro no Museo do Pobo Galego no que participará a deputada de cultura, Natividade González

Gervasio Sánchez e Alberto García Alix, fotoxornalista e fotógrafo respectivamente e ambos galardoados co Premio Nacional de Fotografía, serán os principais atractivos da programación complementaria do 19º Premio Luís Ksado de creación fotográfica, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.
Exposición das obras gañadoras
Esta programación adicional inaugurarase, como xa é tradición, coa exposición das obras gañadoras e finalistas da edición deste ano. Será o 1 de outubro no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela ás 19:00 horas. Alí poderá contemplarse, entre outras propostas, 'I gotta change', de Juan de la Quintana, gañador da XIX edición do certame. A súa serie foi escollida polo xurado do premio por abordar con especial sensibilidade e rigor a cuestión da saúde mental. Ademais, ese mesmo día ás 12:30h na compostelá Facultade de Historia Juan de la Quintana impartirá unha conferencia.
Homenaxe ao fotógrafo histórico Tino Martínez
Ao día seguinte, na mesma localización e á mesma hora que a inauguración da exposición, realizarase a homenaxe ao fotógrafo histórico Tino Martínez. Neste acto participarán Natividade González, deputada de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela, e Carlos Castelao, fotohistoriador. A mesa redonda estará moderada por Xurxo Lobato.
Masterclass con Gervasio Sánchez e Alberto García Alix
Para rematar, as masterclass no centro Ágora da Coruña volverán contar con invitados de elevadísimo nivel. Nesta edición, o primeiro dos obradoiros estará impartido por Gervasio Sánchez, fotoxornalista e Premio Nacional de Fotografía. A charla terá lugar o 9 de outubro de 16:30 a 20:00 horas. O día 10, á mesma hora, terá lugar a ponencia de Alberto García Alix, fotógrafo e tamén Premio Nacional de Fotografía.
Para participar nestes obradoiros é preciso unha inscrición previa, que pode realizarse de xeito sinxelo neste enlace.