Estás en:Novas

A Deputación organiza dúas viaxes de traballo a xeoparques de referencia en Portugal e Estremadura para profesionais do Ortegal

A Deputación da Coruña promove estas viaxes profesionais ao Xeoparque Arouca (Portugal) do 30 de setembro ao 2 de outubro, e ao Xeoparque Villuercas-Ibores-Jara (Estremadura) do 6 ao 9 de outubro co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 19 de setembro de maneira gratuíta cubrindo un formulario online

Esta iniciativa, destinada a profesionais que traballan no territorio do Ortegal, forma parte do Plan de Sostibilidade Turística do Xeoparque Cabo Ortegal, financiado con fondos Next GenerationEU

A Deputación organiza dúas viaxes de traballo a xeoparques de referencia en Portugal e Estremadura para profesionais do Ortegal

A Deputación da Coruña, a través do proxecto de desenvolvemento do Xeoparque Cabo Ortegal, vén de abrir o proceso de inscrición para participar en dúas experiencias de traballo dirixidas a empresas, profesionais e entidades vinculadas ao turismo sustentable e ao desenvolvemento territorial local.

Trátase de dúas viaxes que permitirán coñecer de primeira man dúas experiencias pioneiras de xestión turística e posta en valor do patrimonio natural en espazos recoñecidos pola UNESCO: o Xeoparque Arouca (en Portugal) e o Xeoparque Villuercas-Ibores-Jara (en Estremadura). O obxectivo é fomentar o intercambio de boas prácticas, establecer redes de colaboración profesional e reforzar as capacidades técnicas dos axentes do territorio.

Datas e destinos

  • Xeoparque Arouca: do 30 de setembro ao 2 de outubro de 2025
  • Xeoparque Villuercas-Ibores-Jara: do 6 ao 9 de outubro de 2025

As persoas interesadas en participar deberán cubrir este formulario de inscrición online, no que tamén poderán consultar as Bases de Participación. O prazo de inscrición aberto ata o venres 19 de setembro de 2025.

A convocatoria está dirixida a profesionais e entidades con vinculación ao territorio do Xeoparque Cabo Ortegal, cunha actividade relacionada co ecoturismo, xeoturismo, turismo científico, interpretación do patrimonio, turismo educativo ou iniciativas de desenvolvemento local sostible.
A selección das persoas participantes farase segundo criterios obxectivos, garantindo unha representación equilibrada entre os distintos concellos implicados e perfís profesionais diversos.

Estas accións están financiadas no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Xeoparque Cabo Ortegal, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU.