Cultura da Deputación presenta o Ciclo Tándem, que ofrecerá catro días de dobres concertos fusionando estilos no escenario do Teatro Colón
Grande Amore xunto a Verde Pato; Caamaño&Ameixeiras e Sús; Nacho – Faia – Lar e Rita Payés, e Emilio José xunto a Suelen Estar Quartet son as propostas que chegarán ao Teatro Colón da Coruña durante as fins de semana de outubro
Esta nova iniciativa busca combinar diferentes estilos musicais nunha mesma sesión para ofrecer ao público experiencias variadas
Os convites para asistir ao ciclo poden retirarse en ataquilla.com

O Teatro Colón da Coruña será escenario de luxo do Ciclo Tándem da Deputación da Coruña, unha nova proposta cultural que, durante as fins de semanas de outubro, fusionará estilos ofrecendo concertos dobres: Grande Amore xunto a Verde Pato; Caamaño&Ameixeiras e Sús; Nacho – Faia – Lar e Rita Payés, e Emilio José xunto a Suelen Estar Quartet.
Precisamente neste emprazamento presentouse hoxe esta programación musical coa presencia da deputada de Cultura, Natividade González, xunto a Sabela Caamaño (Caamaño&Ameixeiras) e Nuno (Grande Amore). A deputada puxo en valor "esta arriscada proposta" que converterá ao Colón "nun espazo de encontro entre proxectos musicais que compartirán escenario e irán máis aló das súas propostas individuais para mesturarse e ofrecer algo único". A deputada sinalou tamén que "dende a área de cultura da Deputación apostamos por modelos de creación afastados dos circuítos convencionais, proxectos únicos que enriquecen o noso panorama e atraen a públicos diversos". Neste sentido, Tándem "é risco e tamén complicidade; un diálogo entre a nosa tradición e outras linguas e sensibilidades, coa raíz galega como punto de partida".
Pola súa banda, os artistas agradeceron á Deputación a oportunidade de establecer sinerxías entre artistas. "O proceso de creación está a ser moi bonito e enriquecedor, no que buscamos esa conexión con Portugal, creando novos temas e xuntando os nosos universos", sinalou Sabela Caamaño, en referencia ao concerto de Caamaño&Ameixeiras e Sús. Nuno, de Grande Amore, adiantou que "imos tocar con banda por primeira vez na nosa historia" recalcando esa "sensación de concerto único, con moitos contrastes" como o que ofrecerán xunto a Verde Pato, "unha experiencia única" engadiu.
O primeiro dúo en pisar as táboas do Teatro Colón será Grande Amore e Verde Prato, que actuarán ás 20:00 horas do domingo 5 de outubro. A seguinte actuación será o sábado 18, con Caamaño&Ameixeiras e Sús. Ao día seguinte actuarán Nacho-Faia-Lar e Rita Payés, e os encargados de pechar o ciclo serán Emilio José e Suelen Estar Quartet.
O obxectivo deste novo ciclo de concertos é combinar diferentes estilos musicais nunha mesma sesión para descubrir ao público asistente outras propostas artísticas e que gocen dunha experiencia única.