Ferrol avanza na candidatura a Patrimonio mundial da UNESCO grazas ao apoio da Deputación
O vicepresidente, Xosé Regueira, participou hoxe nunha reunión do grupo de traballo interadministrativa na que se abordaron os avances da candidatura Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial da Unesco
A Deputación colabora con este proxecto "convencidos de que Ferrol reúne todos os requisitos para ser patrimonio mundial da UNESCO", sinalou o vicepresidente

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou esta tarde nunha xuntanza de traballo interadministrativa, xunto ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o almirante do Arsenal de Ferrol, Vicente Rubio; a subdirectora xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Susana Fandiño Gantes-García; a delegada da Xunta, Martina Aneiros, e o coordinador da candidatura e experto en patrimonio mundial, Alfredo Conti.
Durante a mesma, abordáronse os avances da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da Unesco; un proxecto que conta co apoio da Deputación.
Concretamente, presentáronse dous documentos que lle dan solvencia á candidatura, co obxectivo de que en primavera participe na fase preliminar de aceptación de candidaturas. Trátase do expediente de presentación de candidaturas, e da estratexia de turismo sustentable.
Regueira referiuse á "convicción" da entidade provincial de que "Ferrol reúne todos os requisitos para ser patrimonio mundial da UNESCO". Unha convicción "aínda máis forte despois de coñecer estes dous documentos". E tamén á "ilusión" de que se "engrose o catálogo UNESCO da provincia, sumando Ferrol á Torre de Hércules na Coruña, á cidade de Compostela, á Reserva da Biosfera e ó Xeoparque Cabo Ortegal". Unha cidade "que ten unha singularidade e unha gran potencialidade para obter esa certificación", engadiu.