Estás en:Novas

Abre o prazo de inscrición para o Curso Oficial de Guía-Intérprete do Xeoparque Cabo Ortegal (120 h)

Trátase dunha formación especializada dirixida a profesionais e persoas emprendedoras do sector turístico, así como a outros profesionais con interese en traballar no territorio

O curso celebrarase do 6 de outubro ao 3 de decembro de 2025, en dúas edicións simultáneas: Edición 1 (mañá) e Edición 2 (tarde)

Abre o prazo de inscrición para o Curso Oficial de Guía-Intérprete do Xeoparque Cabo Ortegal (120 h)

A Deputación da Coruña anuncia a apertura de inscricións do Curso Oficial de Guía-Intérprete (120 horas), unha formación especializada dirixida a profesionais e persoas emprendedoras do sector turístico, así como a outros profesionais con interese en traballar no territorio. O curso celebrarase do 6 de outubro ao 3 de decembro de 2025, en dúas edicións simultáneas: Edición 1 (mañá) e Edición 2 (tarde).

A proposta combina modalidade mixta (Moodle + sesións en directo por Zoom+ clases presenciais) con cinco prácticas de campo (6 h cada unha) nos principais puntos de interese do Xeoparque. Ao remate, as persoas participantes obterán certificado oficial de 120 horas.

Trátase dunha formación moi aplicada, que pon o foco na calidade do guiado e na interpretación do patrimonio xeolóxico, natural e cultural con criterios de sostibilidade, accesibilidade e seguridade.

Contidos principais

  • Xeoturismo e Ecoturismo: claves para un turismo responsable no marco UNESCO.
  • Patrimonio do Xeoparque: xeoloxía, biodiversidade, paisaxe e cultura local.
  • Interpretación do patrimonio e guiado: discurso, comunicación e xestión de grupos.
  • Seguridade e accesibilidade: planificación de rutas e boas prácticas ambientais.
  • Emprendemento e comercialización: nocións básicas para ofrecer servizos guiados.

Prazas e selección
O curso ofrece 20 prazas por edición (mañá/tarde). A admisión realizarase segundo as Bases de selección, que valoran vínculo co territorio, experiencia, formación, idiomas e motivación. O programa poderá suspenderse se existen menos de 11 solicitudes válidas por edición.

Inscrición
As inscricións están abertas a través deste formulario online.


Financiamento e entidades
A Deputación da Coruña financia esta iniciativa, a través do PSTD Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal. Financiado con Fondos do PRTR Next GenerationEU, co obxectivo de promover a profesionalización do sector e poñer en valor o talento local así como os recursos turísticos do territorio.