Estás en:Novas

A Deputación volve apoiar a proposta de Sinsons para dinamizar o tecido musical galego

A quinta edición do encontro celebrarase do 15 ao 18 de outubro en destacados espazos de Santiago, como a Casa das Máquinas, o Pazo de San Roque, a sede da SGAE, o Parque de Bonaval e as salas Borriquita de Belém, Capitol e Riquela

Entre os artistas que participarán están Acouga, Adhara e Ritman, Aksak, Alexia, Bala, Billy Flamingos, Coanhadeira, Crúas, De Ninghures, Exeria, Fiandola, Francisco Moreira, KMKR, Kreze, Lenda Ártabra, Maghúa, Melón Jiménez e Lara Wong, Neval, Sekadra e Leni Pérez

"Con iniciativas coma esta reforzamos a idea de que a cultura é motor de desenvolvemento social e económico, que xera comunidade e que contribúe a construír unha sociedade máis xusta, aberta e orgullosa da súa identidade", sinalou a deputada de Cultura, Natividade González, na presentación hoxe da programación do festival

A Deputación volve apoiar a proposta de Sinsons para dinamizar o tecido musical galego

O Pazo de San Roque acolleu esta mañá a presentación da quinta edición do Sisons Enclave Musical, un encontro que xa se consolidou como espazo de referencia para os profesionais do panorama musical galego. Organizado MusicArte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro, o encontro volverá contar co apoio da Deputación da Coruña, que estivo representada na rolda de prensa pola deputada de Cultura, Natividade González, a quen acompañaron o subdelegado do Goberno, Julio Abalde; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Jacobo Sutil, director de AGADIC; Xaquín López, director do Auditorio de Galicia, en nome do Concello de Santiago, e Miguel Diéguez, director territorial da SGAE da zona noroeste.

"Con iniciativas coma esta", sinalou González, "reforzamos a idea de que a cultura é motor de desenvolvemento social e económico, que xera comunidade e que contribúe a construír unha sociedade máis xusta, aberta e orgullosa da súa identidade". "Porque o Sisons", engadiu, "é moito máis ca unha programación de concertos; é un espazo de encontro, de diálogo e de cooperación entre artistas, profesionais, institucións e cidadanía; é unha oportunidade para descubrir novos talentos, para abrir portas á circulación das nosas músicas e para proxectar a creatividade galega fóra das nosas fronteiras".

A deputada puxo en valor tamén algúns dos valores que defende o festival, "que o departamento provincial de Cultura comparte completamente, como son a promoción da igualdade de xénero, a inclusión, a sostibilidade ambiental e o uso da lingua galega como vehículo natural da nosa creación cultural".

O festival
Consolidada como unha proposta singular dentro do ecosistema cultural galego, o Sisons reforza este ano unha programación híbrida, dividida en encontros para profesionais do sector cultural e festival aberto a todos os públicos.

A Casa das Máquinas, o Pazo de San Roque, a sede da SGAE, o Parque de Bonaval e as salas Borriquita de Belém, Capitol e Riquela serán os espazos que acollan a programación, na que todo o protagonismo, sobre os escenarios, terano Acouga, Adhara e Ritman, Aksak, Alexia, Bala, Billy Flamingos, Coanhadeira, Crúas, De Ninghures, Exeria, Fiandola, Francisco Moreira, KMKR, Kreze, Lenda Ártabra, Maghúa, Melón Jiménez e Lara Wong, Neval, Sekadra e Leni Pérez. As máis das actuacións serán de balde.

"A relevancia social e cultural de Sisons Enclave Musical", explican desde a organización, "maniféstase na súa capacidade para dinamizar o tecido musical galego, promovendo a visibilidade de artistas emerxentes, incentivando a colaboración entre axentes culturais e contribuíndo á creación de emprego e ao fortalecemento da economía local". "A súa singularidade dentro do panorama galego", engaden "vén dada pola súa aposta decidida pola innovación, a conexión co ámbito profesional, e a súa capacidade de proxección exterior, mediante acordos de colaboración con eventos semellantes noutras comunidades autónomas". "Isto", rematan, "permite situar a Galicia como territorio activo e influente dentro do circuíto musical estatal".