A Deputación homenaxea en San Sebastián Gastronómika a Picadillo
A entidade provincial participa nesta feira de referencia internacional promocionando 'A paisaxe que sabe', cun stand propio que conta coa presenza de produtores locais, e coa presentación do libro '150 anos de Picadillo', de Martín Pais
Durante a presentación da obra, que recompila unha vintena de reinterpretacións das receitas de Picadillo, os cociñeiros Luis Veira e Beatriz Sotelo ofreceron unha degustación do emblemático caldo galego ante o público donostiarra

A Deputación da Coruña rendeu homenaxe este martes a Picadillo, figura clave da gastronomía galega, en San Sebastián Gastronómika, coa presentación do libro '150 anos de Picadillo', de Martín Pais, que conta co apoio da Deputación da Coruña, e reúne receitas de Manuel María Puga y Parga recompiladas para a ocasión, realizadas e reinterpretadas por vinte profesionais da cociña de toda Galicia. No acto participaron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o autor do libro, Martín País; os cociñeiros Luís Veira e Beatriz Cotelo, e o bodegueiro José Crusat.
Xosé Regueira dou a benvida ao acto e puxo en valor a figura de Manuel María Parga y Puga, "o sabor e o espírito da Coruña". Ademais, referiuse ao prato que se degustou durante a xornada, o caldo galego, cunha reinterpretación da man dos cociñeiros Beatriz Cotelo e Luis Veira, como "moito máis que unha comida; é identidade".
O vicepresidente convidou a todo o público a coñecer a provincia da Coruña, "onde temos a sorte de contar con xente que vive e produce alimentos en toda a nosa xeografía", e a descubrir "un territorio que ten 956 km de costa, e un interior riquísimo que tamén produce alimentos de primeira calidade".
"Este é un proxecto que nace como moitas iniciativas que son preciosas de pensar e de facer. Por que non lle escribimos a Picadillo un libro no que vinte profesionais disto lle reinterpreten os seus pratos? E así foi" sinalou o autor do libro, Martín Pais. "Este libro, o primeiro documento escrito que reflicte quen era Picadillo coa súa obra, ten nomes propios. O de Adrián, Quique, Rocío, Antía, Paula, Óscar y Marga, Chisco, Héctor, Moncho, Cristian, Fernando, Juan Carlos, Lolo, Fabián, Sefa, Álvaro, Luis, Alma, Bea e Begoña. Para todas e todos eles, infinitas grazas. Por documentar algo que é moito máis que produto e moito máis que gastronomía. Que é patrimonio cultural da nosa provincia e de Galicia, e que aquí queda por e para sempre".
Posteriormente, os cociñeiros Luis Veira, de Árbore da Veira, e Beatriz Sotelo, fixeron unha demostración en directo dun dos pratos que recolle a obra: o caldo galego, maridado co viño tinto PINTADOIRO da IXP Terras de Barbanza e Iria a cargo do bodegueiro José Crusat de Adega Entre os Ríos.
A presentación de '150 anos de Picadillo' é o principal acto da Deputación en San Sebastián Gastronómika, onde conta cun stand propio no que, a través da campaña 'A paisaxe que sabe', promociona o turismo gastronómico da provincia, coa presenza de Bonilla a la Vista, A Conserveira e Queixo Galmesán, expoñentes da produción local da Coruña e tres dos exemplos do sabor do que presume a nosa provincia.