Regueira participa no acto institucional do 5º evento transnacional do proxecto DIBEST que se celebrou hoxe na Pobra do Caramiñal
O proxecto DIBEST (Innovación dixital para empresas azuis e turismo social) financiado con fondos europeos do programa Interreg Espazo Atlántico iniciouse onte e con diferentes actividades ás que asistiron máis de 25 persoas de 4 países
O vicepresidente deulle as grazas a AGAN+ "por convidarnos a participar nun proxecto de transferencia de experiencias con Irlanda, Portugal, Francia e Málaga, que ten tamén como finalidade a consecución de territorios máis sostibles e con menor pegada de carbono, así como a dixitalización de recursos"

O vicepresidente, Xosé Regueira, estivo esta tarde no quinto evento transnacional do proxecto DIBEST (Innovación dixital para empresas azuis e turismo social) financiado con fondos europeos do programa Interreg Espazo Atlántico, que se está celebrando en A Pobra dende o pasado día 7 de outubro.
Hoxe, o Concello da Pobra do Caramiñal acolleu un acto institucional no que o vicepresidente, Xosé Regueira participou como membro da Mesa de Turismo do Proxecto desde os seus inicios en 2024., acompañado dos representantes dos Concellos da Pobra do Caramiñal, Rianxo e Boiro, a xerente da Mancomunidade de Barbanza Arousa.
Regueira deulle as grazas a AGAN+ "por convidarnos a participar nun proxecto de transferencia de experiencias con Irlanda, Portugal, Francia e Málaga, que ten tamén como finalidade a consecución de territorios máis sostibles e con menor pegada de carbono, así como a dixitalización de recursos".
O vicepresidente fixo referencia aos diferentes proxectos da Deputación, todos eles coa premisa da sustentabilidade social, económica e medioambiental, e mencionou a campaña "A Paisaxe que sabe", coa que "unimos gastronomía e paisaxe como o principal elemento do noso escaparate turístico, e que nos permite darlle visibilidade á poboación residente, que é a que nos axuda a manter a poboación no rural, e que está producindo alimentos de moi alta calidade que logo pasan á cadea de valor agroalimentaria e á restauración, e se converten nun dos principais atractivos turísticos".
Máis de 25 persoas representantes de 12 entidades públicas e privadas procedentes de 4 países (Irlanda, Francia, Portugal e España) participaron nas sesións de traballo que se desenvolveron na Casa Entre os Ríos da Pobra do Caramiñal, participante no proxecto desde comezos de 2025, que se complementaron con outras actividades como visitas guiadas.