Estás en:Novas

Cultura da Deputación presenta en Ribeira o Culturgal Expandido, que terá lugar os días 25 e 26 de outubro

O auditorio municipal de Ribeira acollerá un programa para todas as idades cunha presenza destacada de artistas e creadores locais

Esta mañá presentouse no auditorio a programación completa, nun acto no que participou a deputada de cultura, Natividade González, xunto ao alcalde Luis Pérez; Antía Alberte, concelleira de Cultura de Ribeira, e Camilo Franco, director de Culturgal

Cultura da Deputación presenta en Ribeira o Culturgal Expandido, que terá lugar os días 25 e 26 de outubro

O Auditorio Municipal de Ribeira acollerá os próximos días 25 e 26 de outubro a edición 2025 do Culturgal Expandido. Un programa da Deputación da Coruña que inclúe actividades para todas as idades e unha destacada presenza de artistas e creadores locais, como Quico Cadaval, Fran Sieira, Nan Îllonia, Susana Sampedro ou Os Liantes, ademais de obradoiros e conversas literarias. Esta mañá, a deputada de cultura, Natividade González presentou a programación completa xunto ao alcalde Luis Pérez; Antía Alberte, concelleira de Cultura de Ribeira, e Camilo Franco, director de Culturgal.

"O ano pasado, por primeira vez, a Deputación da Coruña, a través da Área de Cultura, colaborou con esta nova fórmula chamada Cultural Expandido. Fixémolo en Arzúa, e foi un éxito rotundo, unha aposta firme por descentralizar a cultura. Este ano, o Culturgal Expandido chega a Ribeira para manter o noso propósito de levar a cultura galega ás vilas pequenas e medianas da provincia", asegurou Natividad González.
A deputada sinalou tamén que é "unha satisfacción" poder dicir "que as veciñas e veciños de Ribeira tamén van poder gozar desta experiencia. É unha mostra de colaboración sincera entre a Deputación e o Concello, compartindo unha mesma visión: que a cultura non debe ter barreiras, que debe ser accesible a todos os públicos e que debe ser un espazo de encontro. Porque falar de cultura non é só falar de programación. É falar de ter acceso á cultura, de facer comunidade, de facilitar o asociacionismo, de poñer en valor a tradición, de innovar, de aplicar a escoita, de facer que o entorno no que vivimos sexa un lugar mellor, máis habitable e tamén máis saudable. Todo isto é cultura, e o Concello de Ribeira, da man de Antía Alberte, así o soubo ver".

"É moi importante para nós que Ribeira sexa sede dun dos eventos máis importantes do ano na cultura galega", afirmou Luis Pérez, mentres que Antía Alberte destacou "a oportunidade que isto supón para a nosa vila, dous días para facer comunidade e coñecer o máis novo da cultura galega". "Este Culturgal Expandido quere unir a enerxía cultural galega coa enerxía cultural dunha vila como Ribeira cun obxectivo final, que non é outro que divertirse", engadiu Camilo Franco, "nunha cita que é un pouco un bonsai do Culturgal de Pontevedra, xa que aquí teremos tamén todas as disciplinas da cultura galega, como a literatura, a música, a danza, as artes escénicas, os videoxogos ou o cinema".

Programa
O Culturgal Expandido comeza o sábado 25 de outubro ás 10:00 horas co obradoiro 'Mediación. Un baile ceibe en comunidade', con Fran Sieira, para dar paso ás 12:00 horas a 'O lobo feliz', un espectáculo infantil con Miguel Guido. Ás 13:00 horas chegará o obradoiro 'Pensa o teu guión de videoxogo' e xa pola tarde Clube de lectura, conversas literarias, Quico Cadaval, danza e a película 'O Apostolo'.
Na mañá do domingo, programación infantil con 'Contamos contos de lobos?', de Ghazafellos, e 'O rap do coello fedello', de Irene Alonso Gasalla. Pola tarde, obradoiro de cinema, coloquio cos premiados do certame 'Cidade Centenaria de Ribeira', e un peche musical con Nan Îllonia, Os Liantes, Lau Panicanela e XeVA & Mon-O.