A Deputación da Coruña organiza en Arteixo 10 visitas guiadas, para alumnado de Infantil e Primaria, á expo Golfiños na Proa
Expertos da CEMMA ensinarán ao alumnado de Arteixo a diversidade de cetáceos da costa galega e a importancia da súa conservación.

O mércores, 8 de outubro de 2025, realizáronse as tres primeiras visitas guiadas á expo Golfiños na Proa para alumnos/as de Educación Primaria no Museo Mar de Sorrizo de Arteixo. Nas mesmas, máis de 60 rapaces/as coñeceron, da man dunha educadora ambiental da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a gran diversidade de cetáceos que hai nas augas que bañan a costa galega e a importancia da súa conservación. Tamén aprenderon moitas cousas sobre outros animais, como lobos mariños e tartarugas mariñas.
O xoves 9, e o venres 10 de outubro, realizaranse outras seis visitas guiadas. Finalizando o sábado, 11 de outubro, cunha visita con nenos/as da Escola de Educación Infantil Villarrodís-Oseiro. Posteriormente, a exposición Golfiños na Proa trasladarase a Boiro (do 17 de outubro ao 4 de novembro) e Melide (do 14 ao 27 de novembro) onde tamén hai previstas visitas para o alumnado dos centros educativos.
Agradecer aos departamentos de Educación e Turismo do Concello de Arteixo todas as facilidades ofrecidas para poder exhibir Golfiños na Proa no magnífico Museo Mar de Sorrizo, así como pola colaboración na organización das visitas guiadas.
As fotos deste artigo foron realizadas por Rosario Mouzo, técnica de Turismo do Concello de Arteixo.