Estás en:Novas

A I Xornada Micolóxica no Pazo de Mariñán constata a súa grande riqueza de cogomelos coa localización de especies de extraordinaria rareza

Varios exemplares de cogomelos foron recollidos para realizar estudos microscópicos e xenéticos que confirmen a especie e a súa singularidade.

A Deputada, Rosa Ana García realizou a presentación da Xornada que tivo un grande número de persoas inscritas.

A I Xornada Micolóxica no Pazo de Mariñán constata a súa grande riqueza de cogomelos coa localización de especies de extraordinaria rareza

O sábado 11 de outubro, a Sección de Medio Ambiente da Deputación da Coruña realizou a I Xornada Micolóxica no Pazo de Mariñán. O número de persoas inscritas foi moi alto, nada menos que 442 inscricións para 30 prazas, o que obrigou a facer unha nova edición en horario de tarde. Con todo, moita xente quedou sen poder asistir.

A Deputada Rosa Ana García inauguraba unha xornada que comezaba con dúas interesantísimas charlas de Introdución aos cogomelos e Curiosidades dos Fungos impartidos por Fernando Ramos, Presidente da Asociación Micolóxica Coruñesa, e por Raquel Poncini, vicepresidenta da dita entidade.

A Deputada Rosa Ana García presentado a Xornada Micolóxica

Despois dunha pausa café para os asistentes, comezaba a segunda parte da Xornada. Un roteiro polos terreos do Pazo para estudar, da man de expertos da Asociación Micolóxica Coruñesa, a riqueza micolóxica do lugar, aínda pouco estudada. E o roteiro non defraudou. Máis dun cento de especies foron identificadas nun só día, no que destacou o descubrimento por parte de José María Traba Velay de rúsulas ás que se facerá un estudo microscópico, e mesmo xenético, para confirmar a súa rareza.

Hai que sinalar que hai pouco foi localizado nos terreos do Pazo, pola micóloga da AMC Mónica Saavedra, participante na xornada, dun exemplar de Clavaria pullei unha especie sumamente escasa en Galicia que so se atopan en Mariñán e no Botánico do Burgo. A mesma experta tamén atopou un exemplar de Microglossum nudipes, que en Galicia so está localizada no Pazo de Mariñán e na Illa de Cortegada.

Raquel Poncini realizando unha charla

Quedou polo tanto constatada a enorme riqueza micolóxica do Pazo de Mariñán. Dende a Deputación da Coruña realizarase un esforzo de catalogación e protección para que non so sexa un paraíso para as árbores e morcegos, senón tamén para os cogomelos.

Queremos agradecer aos membros da AMC Fernando Ramos, Raquel Poncini "Raquis", José María Traba Velay e Mónica Saavedra o gran traballo desenvolto ao longo desta xornada.

Así mesmo queremos destacar a gran labor da periodista Lucía Fernández Ramón, autora das fotos que ilustran este artigo.

Xornada Micoloxica quenda de tarde