A exposición 'Ficcións especulativas' pode verse ata febreiro de 2026 no Colexio de Fonseca co apoio da Deputación
A mostra enmárcase no convenio de colaboración polo que a administración provincial apoia e promove a actividade cultural da Universidade de Santiago de Compostela
"Desde a Deputación da Coruña queremos recoñecer e agradecer o traballo de todas as persoas implicadas neste proxecto por manter viva esta aposta pola cultura como motor de coñecemento e transformación social", destacou na inauguración da exposición a deputada de Cultura, Natividade González

Ata o 28 de febreiro de 2026 poderá visitarse no Colexio de Fonseca compostelán 'Ficcións especulativas', unha exposición colectiva que explora como os artistas contemporáneos utilizan a ciencia ficción, os soños e os oráculos como ferramentas para construír visións alternativas do mundo e do porvir. A mostra enmárcase no convenio de colaboración polo que a administración provincial apoia e promove a actividade cultural da Universidade de Santiago de Compostela.
'Ficcións especulativas' presentouse onte nun acto no que participou a deputada de Cultura, Natividade González, a quen acompañou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias.
"É sempre unha satisfacción ver como este lugar, cargado de historia e de memoria, se converte tamén nun espazo vivo, aberto á creación contemporánea, á reflexión e ao encontro entre saberes", sinalou González na súa intervención. "Fonseca", engadiu, "é, sen dúbida, un símbolo da capacidade da universidade para acoller proxectos que dialogan co pasado, pero que tamén nos interpelan sobre o presente e o futuro".
Para a deputada, a exposición "convida precisamente a iso: a imaxinar outros mundos posibles, a cuestionar o que damos por feito, a pensar desde a arte e a investigación sobre o que podería ser doutro modo." "É", dixo, "unha mostra que une ciencia, creatividade e pensamento crítico, e que, sen dúbida, enriquecerá a toda a comunidade universitaria e ao conxunto da cidadanía".
González agradeceu "o traballo de todas as persoas implicadas neste proxecto: artistas, comisariado e equipo da Universidade. Grazas tamén á Universidade de Santiago por manter viva esta aposta pola cultura como motor de coñecemento e transformación social".
A mostra
Comisariada por Aránzazu Pérez Indaverea, Guillermo Rodríguez Alonso, Abraham Cea Núñez e Federico L. Silvestre, 'Ficcións especulativas' está organizada pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Instituto de Humanidades.
A exposición reúne obras dunha ducia de artistas nacionais e internacionais que habitan o espazo liminar entre a ciencia, a arte e a especulación: Mercedes Azpilicueta, Vicente Blanco, Paula Bruna, Andrea Canepa, Regina de Miguel, Antía Iglesias, Javier Martín, Eduardo Outeiro, Bollo Pierre 'Tadios', Iréné Nguea e ŋgam, Ce Quimera, Tomás Saraceno e Xoán Xil López .
Segundo os organizadores, o proxecto defende "que só narrando doutro xeito podemos ver doutras formas, presentando á propia arte como un laboratorio de futuros". "Nun momento dominado por narrativas distópicas, 'Ficcións especulativas' actúa como un contrapunto, reivindicando a imaxinación como un espazo de poder e resistencia".