Estás en:Novas

‘A paisaxe que sabe’ participa nunha nova edición do Fórum Gastronòmic de Barcelona

A Deputación participa no evento cun stand propio no evento no que promocionará produtos e produtores da provincia a través da súa campaña 'A paisaxe que sabe'

‘A paisaxe que sabe’ participa nunha nova edición do Fórum Gastronòmic de Barcelona

A Deputación participará a vindeira semana no Fórum Gastronòmic de Barcelona cun amplo programa de actividades que converterá o seu stand nun escaparate privilexiado dos produtos e da cociña da provincia no marco da campaña 'A paisaxe que sabe'. Entre o 3 e o 5 de novembro, profesionais da restauración, produtores e divulgadores gastronómicos daranse cita neste evento de referencia para poñer en valor a calidade, a diversidade e a innovación que caracterizan o sector agroalimentario coruñés.

Programación da Deputación
Ao longo das tres xornadas desenvolveranse degustacións, showcookings e relatorios a cargo de recoñecidos cociñeiros e especialistas. O luns 3 abrirase o programa cunha degustación de Cafés Aruba e Galletas de Nata da Coruña, seguida pola presentación das conservas artesás da Conserveira de Ribeira. O sumiller Alejandro Paadín ofrecerá unha conferencia sobre os viños da IXP Betanzos, os máis setentrionais de Galicia, mentres que a cociñeira Iria Espinosa, do restaurante Árbore da Veira (1 estrela Michelin), elaborará pratos como o molete de polbo á galega ou o xurelo mariñado con sopa de aceitunas aliñadas. A xornada completarase co momento vermú de Bodegas Lodeiros e coas demostracións de cociña con mariscos de Barallobre a cargo de Nair González, de Muelle 43 de Mugardos, e a degustación final de produtos de Porco Celta de Cien por Cel.

O martes 4 continuará a actividade cunha nova degustación de Cafés Aruba e LeNatt Foods, que dará paso a un showcooking de Algas Mar de Ardora dirixido tamén por Nair González. Alejandro Paadín falará nesta ocasión sobre os viños da zona de Barbanza e Iria, exemplos claros dos "viños do Atlántico". Pola tarde será a quenda dos chefs Kike Piñeiro e Eloy Cancela, de A Horta do Obradoiro, que presentarán elaboracións como o snack de ourizo de mar con atún atlántico ou o boliño de pan de castañas con rixóns e queixo da D.O.P. Arzúa-Ulloa. Tamén se repetirá o momento vermú con Lodeiros e as propostas mariñeiras de Muelle 43, para rematar de novo cunha degustación dos produtos de Porco Celta.

O mércores 5 o protagonismo será para empresas emblemáticas como Martietas de Fío e Bonilla a la Vista, que ofrecerán degustacións das súas galletas artesás e das súas coñecidas patacas fritidas. Alejandro Paadín centrará o seu relatorio nos viños da Ribeira do Ulla, a Rías Baixas coruñesa, mentres que o chef Iván Domínguez, do restaurante Nado da Coruña, sorprenderá coas súas creacións "Ostra Opalina e pementos de Padrón" e "Pescadiña, manteiga e encurtidos". As demostracións de mariscos de Barallobre e o vermú de Bodegas Lodeiros completarán a derradeira xornada dun programa que amosará o mellor da gastronomía coruñesa contemporánea.

Obradoiro na Sala Ágora
Ademais da programación no stand da Deputación, o Fórum acollerá o luns 3, na Sala Ágora, o obradoiro "Personalidade aplicada: saber e sabor da paisaxe que sabe", dirixido por Chechu Rey, do restaurante Gunnen da Coruña. O cociñeiro presentará un menú que une territorio e creatividade con propostas como o mexillón de Lorbé con graxa de xamón e leituga de mar, a castaña de Galicia con caldo de galiña e tempeh de garavanzo negro, e a navalla de Fisterra con espuma das súas valvas, allo oxidado e uva de mar.

A Deputación da Coruña promove esta participación para apoiar o tecido produtivo e hostaleiro da provincia, impulsando marcas e proxectos que combinan tradición, sustentabilidade e innovación. No espazo coruñés estarán representadas empresas de referencia como A Conserveira, Algas Mar de Ardora, Bonilla a la Vista, Cafés Aruba, Cien por Cel, Costumes Galicia, Gallegas de Nata, Galmesán, LeNatt Foods, Bodegas Lodeiros, Mariscos de Barallobre e Martietas de Fío. Todas elas amosan o potencial dun territorio que aposta pola calidade, o respecto polo medio e o orgullo das súas orixes.