Estás en:Novas

Belém Tajes, gañadora da gala final do Premio Narf 2025

Belém Tajes resultou gañadora, con 4.000 euros de premio, nunha gala final que tivo lugar esta noite no Salón Teatro de Santiago

A votación do xurado puxo en segundo lugar a Marián e en terceiro a Vimbio

Belém Tajes, gañadora da gala final do Premio Narf 2025

Belém Tajes é a gañadora do XVII Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. O dictame do xurado, que valorou o risco á hora de facer ponte entre a música galega e latinoamericana, ademais dos arranxos, encumbrou ao grupo Belém Tajes nunha gala final na que Marián rematou segunda e Vimbio terceira. Alén das actuacións a concurso tamén participou como banda convidada o dúo Caamaño&Ameixeiras nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Pardo e no que tamén participou o artista visual Iván Torres.

Belém Tajes é unha cantante e compositora coruñesa, e foi parte de bandas como Vudú, Aliboria ou Luar na Lubre. En novembro de 2024 publicou o seu primeiro álbum de longa duración, Amar o mar, un traballo que mestura música tradicional galega e latinoamericana con toques de pop e electrónica. O xurado salientou dela "as letras moi coidadas e unha aposta singular e con personalidade na instrumentación".

A gala acolleu as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas e o xurado (formado por Daniel Salgado, Ugia Pedreira, Alberto Busto, Noa Díaz e Tomi Legido) decidiu o gañador, que leva 4.000 euros, alén de varias actuacións en festivais galegos; o segundo clasificado 2.000 e o terceiro 1.500. Durante a súa deliberación, os asistentes puideron disfrutar da actuación de Caamaño&Ameixeiras.

O xurado elixiu os finalistas entre a trintena de propostas recibidas. Forma parte do xurado como presidenta Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; o xornalista e músico Daniel Salgado, a músico Ugia Pedreira, o músico e divulgador Alberto Busto, a produtora Noa Díaz e o programador Tomi Legido. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.

O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Sobre as outras gañadoras

  • MARIÁN: Cantante e compositora da Serra de Outes, aínda que residente en Compostela, que está a piques de publicar o seu álbum debut, no que conta coa colaboración de Guadi Galego. Seleccionada na última edición da da aceleradora #SonEmerxente promovida por AGADIC, o xurado destacou dela "a súa calidade vocal, así como os arranxos e a produción".
  • VIMBIO: Liderados por Álex Arnoso (antes SonDaRúa), esta nova banda de Ponteareas xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e dos 2000. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Deles o xurado destacou "o envoltorio de épocas diferentes de poética galega nunha banda de guitarras, máis contundente".