Estás en:Novas

A Deputación da Coruña recibe a Noite Bohemia polo Premio Nacional de Teatro Clásico Grecolatino

A deputada de Cultura, Natividade González, trasladoulle "o orgullo e o recoñecemento" da Deputación polo labor continuado da compañía coruñesa "na promoción das artes escénicas e na difusión do patrimonio cultural grecolatino, especialmente entre o público máis novo"

Noite Bohemia agradeceu o apoio institucional do departamento provincial de Cultura nos últimos anos, "clave" para poder desenvolver os seu proxectos

A Deputación da Coruña recibe a Noite Bohemia polo Premio Nacional de Teatro Clásico Grecolatino

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, recibiu este xoves no Salón de plenos a Compañía de Teatro Noite Bohemia coruñesa, recentemente galardoada co Premio Nacional de Teatro Clásico Grecolatino 2025, que outorga o Ministerio de Cultura. O recoñecemento foille concedido polo posta en escena, no Teatro Romano de Segóbriga, de "Bacantes", de Eurípides.

Durante o encontro, a deputada de Cultura trasladoulle á compañía "o orgullo e o agradecemento" da Deputación polo seu labor continuado "na promoción das artes escénicas e na difusión do patrimonio cultural grecolatino, especialmente entre o público máis novo". "Este premio, o máis prestixioso do Estado no ámbito do teatro clásico, consolida a compañía como un referente da escena dramática nacional", engadiu.

Para González, o galardón "é tamén un recoñecemento ao talento e á creatividade que existe na nosa provincia, e ao compromiso da Deputación coa cultura e coa mocidade". "Noite Bohemia", destacou a deputada, "é exemplo do teatro feito con paixón, rigor e entrega".

A compañía expresou o seu agradecemento polo apoio institucional que vén recibindo nos últimos anos por parte do departamento de Cultura provincial, "clave" para poder desenvolver os seus proxectos.