A Deputación convoca a IV edición do Premio ‘Xoán Vicente Viqueira’ de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación
O premio conta coa colaboración do do Concello de Bergondo e do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial 'Xoán Vicente Viqueira'
A Deputación da Coruña convoca a cuarta edición do Premio 'Xoán Vicente Viqueira' de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación, co obxectivo de recoñecer a actividade investigadora e innovadora de persoas e entidades que teñan destacado nestes ámbitos.
O certame, que rende homenaxe ao filósofo, psicólogo e escritor Xoán Vicente Viqueira Cortón, busca poñer en valor o traballo científico e social de quen contribúe ao avance do coñecemento e da innovación desde Galicia e o conxunto do Estado.
O prazo de presentación de candidaturas abrirase o 17 de novembro ás 08:00 horas e permanecerá aberto ata o 17 de decembro ás 14:00 horas. As solicitudes deberán tramitarse de forma telemática a través da plataforma SUBTEL da Deputación da Coruña.
Tres modalidades e 19.500 euros en premios
O premio estrutúrase en tres modalidades, dotadas con 6.500 euros cada unha, o que supón un total de 19.500 euros en premios:
Premio á traxectoria de vida adicada á investigación nos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social ao longo dos últimos 30 anos.
Premio á innovación científica, que recoñece proxectos innovadores nestes mesmos ámbitos.
Premio á calidade dun traballo de investigación realizado por unha persoa investigadora nova, menor de 35 anos.
As candidaturas poderán ser presentadas por persoas físicas ou xurídicas vinculadas á investigación e innovación no ámbito das ciencias sociais e humanidades, incluíndo disciplinas como a socioloxía, historia, xeografía, educación, ciencia política, economía, dereito, comunicación, filosofía, antropoloxía ou estudos culturais. Non se admitirán autocandidaturas.
Un xurado de prestixio
O xurado estará presidido pola deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, e composto por cinco persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades e a innovación social. Participarán representantes da Deputación, do Concello de Bergondo e do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial 'Xoán Vicente Viqueira'.
En memoria de Xoán Vicente Viqueira
Este galardón lembra a figura de Xoán Vicente Viqueira Cortón (Madrid, 1886 – 1924), filósofo, psicólogo e escritor que viviu en Vixoi (Bergondo) ata os 12 anos. Considerado un dos grandes pensadores galegos do primeiro terzo do século XX, destacou pola súa defensa da educación e da lingua galega, e pola súa contribución ao pensamento científico e social desde unha perspectiva humanista e galeguista.
As bases completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP nº 208, 30/10/2025) e na sede electrónica da Deputación da Coruña: https://sede.dacoruna.gal
