A Deputación e a Fundación Paideia conectan as comarcas do Sar, Barbanza e Noia con Berlín a través do voluntariado internacional
O programa permite a mozos e mozas de zonas rurais mellorar as súas competencias persoais e profesionais nun contexto europeo
A Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza veñen colaborando desde hai máis de dúas décadas na promoción de estancias formativas internacionais para a mocidade galega, a través dun proxecto de voluntariado que aposta pola igualdade de oportunidades e a mobilidade no medio rural.
No marco desta iniciativa, este xoves a sede da Fundación Paideia Galiza na Escravitude (Padrón) acolleu o acto de peche da última experiencia de voluntariado grupal desenvolvida recentemente en Berlín. Nesta edición participaron sete mozos e mozas procedentes de Porto do Son, Boiro, Dodro e Outes, que tiveron a oportunidade de colaborar con organizacións sociais locais, participar en actividades culturais e iniciarse na aprendizaxe do idioma alemán.
No acto participarán os propios mozos e mozas que viviron esta experiencia, acompañados polo equipo técnico da Fundación que os titorizou.
Asistiu tamén o deputado provincial Antonio Leira Piñeiro, xunto co vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara Muñoz, e os alcaldes de Dodro, Xabier Castro Tourís, e de Porto do Son, José Luis Oujo Pouso.
Antonio Leira afirmou que este programa "é un exemplo do compromiso da Deputación coa mocidade, ofrecéndolles oportunidades reais de formación, aprendizaxe e apertura ao mundo que lles axudan a construír o seu futuro" e destacou a gran iniciativa de Paideia neste sentido.
O proxecto de voluntariado internacional está financiado pola Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza, e forma parte dunha iniciativa máis ampla destinada a fomentar a igualdade de oportunidades, o desenvolvemento persoal e profesional e a mobilidade internacional da mocidade galega, especialmente en contornas rurais.
