Encontro con Rocío Viéitez, tradutora de "O azul entre o ceo e a auga"
Encontro con Rocío Viéitez, dentro da lectura de O azul entre o ceo e a auga, na sala Tinta e equidade, pois é a tradutora da obra de Susan Abulhawa ao galego.
Se queres saber máis sobre Palestina e a situación das súas mulleres, acompáñanos o 27 de novembro ás 20h.
Encontro con Rocío Viéitez, tradutora de O azul entre o ceo e a auga, na sala Tinta e equidade do Club de lectura virtual da eBiblioDaCoruna.
Atopámonos:
- Día 27 de novembro
- Horario: Ás 20 h
- Sala: Tinta e equidade
- Obra: O azul entre o ceo e a auga
- Moderadora: Maitane Vicente
- Enlace: Dispoñible na Sala Tinta e equidade do Club de lectura virtual da eBiblioDaCoruna
Sobre a obra
O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhawa, xa traducido a máis de 20 idiomas, achégase agora en galego.
Conta a historia dunha familia palestina, os Baraka, que a través de diversas xeracións de mulleres, enleadas no tempo e no espazo, nos amosan a dura realidade da franxa de Gaza. Desde a tola Um Mamdouh ata a americana perdida Nur, pasando pola valente e desleigada Nazmiyeh ou Mariam a dos ollos de dúas cores. Personaxes masculinos e femininos nun territorio que lles é hostil e onde a forza, o humor, os lazos familiares, as obrigas e as lembranzas crean unha rede que lles permite seguir adiante.
Unha historia de resiliencia, onde vemos como podemos resistir malia todas as condicións externas adversas grazas á fortaleza das matriarcas.
É unha novela de exilio e desarraigo, de esperanza e afouteza, de atopar a propia identidade e o respecto no conflito palestino-israelí, onde o mundo máxico e o real se mesturan para confluíren na idea do azul entre o ceo e a auga, onde sempre se está, unindo presente e pasado:
Búscame
Estarei no azul
Entre o ceo e a auga
Onde todo o tempo é agora
E onde estamos xuntos
Fluíndo coma un río
Sobre a tradutora, Rocío Viéitez
Rocío Viéitez Ferro, nada en Campo Lameiro (Pontevedra) en 1975, é unha tradutora galega.
Estudou Filoloxía Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela e comezou o doutoramento en Lingüística Pura na Universidade de Oviedo, coa intención de estudar as vogais e a súa evolución do inglés medieval. Porén, sempre quixo ser tradutora e presentouse ao exame de acceso na Universidade de Vigo, onde finalmente estudou Tradución e Interpretación. Traduce en varios idiomas, do inglés, francés e portugués, ao español e galego.
Os seus inicios no mundo laboral no 2004 foron como tradutora técnica e científica e foino durante dezasete anos.
O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, con motivo das XXI Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán en 2019, propúxolle a tradución do conto "O meu bisavó", sendo esta a primeira vez que se traducía este conto ao galego. Desde entón virou a súa carreira cara á tradución literaria.
Sempre foi unha lectora voraz que "vive lendo e sobrevive lendo" e como tradutora sentía que faltaban libros que non estaban en galego e tiñan que estar. Deste xeito, pensou nunha serie de libros importantes para ela coa idea de crear unha colección de todo o mundo, para seren traducidos e tamén educaren en valores humanos.
No ano 2021 presentou Candemaia, o seu proxecto persoal, á editorial Laiovento, onde botou andar ese mesmo ano. Viéitez tiña claro que había unha necesidade de poñer o foco na literatura escrita e traducida por mulleres, "para que con historias de nenas, mozas e adultas, fiemos un tecido máis humano, máis respectuoso". Ademais, cada libro levará unha achega dun home, suliñando con este xeito o espírito igualitario da colección que coordina ela e que contará con 30 títulos de todo o mundo. O proxecto Candemaia debe o seu nome as fillas de Rocío Viéitez, Candela e Amaia, asasinadas polo seu pai.
A primeira publicación desta colección foi Mociñas, de Louisa May Alcott, que conta cun limiar de Kathleen March, profesora emérita da Universidade de Maine e abre co poema "Arrolaime", do poeta e ilustrador Héitor Picallo. Segundo conta Viéitez, escolleu esta obra porque considera que é un clásico a reivindicar e porque a súa autora foi unha muller tremenda, cultísima, abolicionista, reformista e que escribía cousas que ninguén se atrevía a escribir.
Soños no limiar foi a segunda tradución de Candemaia. A única novela da socióloga e escritora Fatema Mernissi onde conta unha autobiografía ficticia sobre a súa infancia nun harén en Fez nos anos 40.
A seguinte obra traducida foi O azul entre o ceo e a auga da xornalista e activista polos dereitos humanos Susan Abulhawa, unha "historia de resiliencia, onde vemos como podemos resistir malia todas as condicións externas adversas grazas á fortaleza das matriarcas".
Pertence ao Consello da Cultura Galega desde 2022, e é membro da Comisión técnica temporal para a elaboración do proxecto Seara, portal de tradución de poesía galega ao inglés.
Fonte: información que a moderadora, Maitane Vicente achega no Club de lectura da eBiblioDaCoruna
Sobre a autora Susan Abulhawa
Susan Abulhawa (1970) naceu nun campo de refuxiados de Kuwait e mudouse de nena aos Estados Unidos, onde estudou Ciencias Biomédicas. Periodista, activista, fundadora da ONG Playgrounds for Palestine, que constrúe zonas de xogo nos campos de refuxiados palestinos.
A súa primeira novela, Mornings in Jenin (2003), foi traducida a máis de 30 idiomas, O azul entre o ceo e o mar (2015) foi traducido a máis de 20 idiomas e coa terceira novela, Against the loveless world (2019), acadou premios tales coma os Arab American Book Award for Fiction (2021), Reading Women Award Nominee for Fiction (2020), Aspen Words Literary Prize Nominee for Shortlist (2021).
Tamén escribe ensaio, artigos para periódicos estadounidenses e converteuse nunha das voces literarias femininas máis importantes da literatura palestina.
---
Se aínda non formas parte do club de lectura, dáte de alta! Poderás compartir e comentar desde calquera lugar e en calquera momento.
Info e alta aquí: https://dacoruna.gal/biblioteca/ebibliodacoruna/tinta-e-equidade
Animádevos!

