Estás en:Novas

A Mostra de Curtas Vila de Noia estreou a súa vixésimo sexta edición co apoio da Deputación da Coruña

"Este festival segue a medrar cada ano grazas á calidade da súa programación, con espazos como Curtacativa, que achega a ilusión de contar historias en fotogramas aos máis pequenos, para crear canteira nunha vila na que xa hai moito talento", salientou a deputada Sol Agra na gala inaugural celebrada onte á noite

O programa inclúe, ata o 22 de novembro, a proxección de máis dun cento de curtametraxes procedentes de todo o mundo, repartidas entre a Sección Oficial, Curtacativa, Arredor das Curtas e outras actividades paralelas

A Mostra de Curtas Vila de Noia estreou a súa vixésimo sexta edición co apoio da Deputación da Coruña

O Coliseo Noela acolleu onte á noite a inauguración da 26ª edición da Mostra de Curtas Vila de Noia, organizada por ese concello co apoio económico da Deputación da Coruña, que estivo representada na gala pola deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra.

"Este festival segue a medrar cada ano grazas á calidade da súa programación, con espazos como Curtacativa, que achega a ilusión de contar historias en fotogramas aos máis pequenos, para crear canteira, e, por que non, futuros protagonistas do audiovisual galego", salientou a deputada Sol Agra.

Referiuse a deputada á localidade como "un 'plató' natural que non deixa de saír en series e películas e no que temos moito talento, coma en toda a Galiza". "Somos", engadiu, "un pobo de artistas, e por iso, aínda que nesta mostra hai moita participación de toda España e até internacional, sentimos orgullo do noso propio". "E iso demóstrase no festival na programación de 'Cousas de aquí', onde ata poderemos fachendear, o mércores 19, das proxeccións feitas neste concello".

A Mostra serán, segundo Agra, "dez días para o desfrute, con estreas, premios e homenaxes, nos que Noia, volverá estender, un ano máis, a alfombra vermella para que os nosos ídolos da pantalla, actrices, actores, dirección, produción e tantos outros postos que quedan detrás da cámara camiñen até este Coliseo, e nós detrás, como espectadores imprescindíbeis para que a maxia do cinema teña sentido".

Programa
Nesta edición, máis de 3000 nenos e nenas de Noia e da súa comarca pasarán polo Coliseo Noela para gozar das proxeccións do Curtacativa. A Mostra reforza tamén este ano a súa sección Arredor das Curtas, un espazo de aprendizaxe e encontro que se desenvolverá entre o 14 e o 16 de novembro no Edificio do Casino e na Cafetería Sociedade Liceo.

Alí terá protagonismo Juantxu Álvarez, CEO de Gossua Producciones e experto en intelixencia artificial, que ofrecerá dúas sesións sobre A IA no audiovisual, explorando as fronteiras entre a tecnoloxía e a creación. Tamén Álex Agüera, director do último videoclip de Estopa, quen achegará a música ao cine cun obradoiro práctico sobre como crear un videoclip. E Festhome, a maior plataforma europea de distribución de curtas, compartirá escenario con Sonia Bautista, de Nuevos Realizadores, e Fernando Patín, distribuidor independente brasileiro, quen achegarán ao público consellos e estratexias sobre distribución internacional.

Arredor das Curtas será tamén un punto de encontro real, con espazos de 'networking', 'pitching' e conversas, onde produtoras, creadoras e creadores e estudantes compartirán ideas e proxectos.

Ao corazón da programación volve tamén a sección Cousas de Aquí. O mércores 19, o Coliseo Noela acollerá a proxección de "Serafín, el Castañero", de Nacho Carnota e Jorge García; "Strobo", documental realizado polo Colexio da Peña; a intervención de Mercedes Menduiña, 'influencer' da vila; e "Este sol non é coma ningún", de César Souto e Luis Avilés.

O sábado 15 chegará un dos momentos máis esperados: a 'premiere' de "Rondallas", de Daniel Sánchez Arévalo, producida por Bambú Producciones, coa presenza do seu elenco e equipo técnico.

E, como cada ano, o público poderá gozar das sesións da Sección Oficial, que reunirán as mellores curtas desta edición competindo polo gran premio da Mostra. Tamén haberá espazos para descubrir libros, proxectos e escenarios: o domingo 16 celebrarase Noia Plató Natural, un percorrido polos lugares da vila que se converteron en set de rodaxe, e presentarase a obra literaria de Álex Agüera, "Cine desde Cero" e "Mi primer cortometraje".

A edición completarase coa estrea do documental "Sólo pienso en ti", de Víctor Manuel, o xoves 20, coa participación dos seus directores, produtores e actores; e xa o sábado 22, coa gala de clausura no Coliseo Noela.