Estás en:Novas

A Deputación propón novas estratexias e ferramentas de comunicación nas Xornadas Técnicas da súa Rede Cultural

O Auditorio Municipal de Cedeira acolleu hoxe o primeiro foro de traballo do encontro, que nace para mellorar o servizo público que ofrece a Rede a través da colaboración de creadoras e creadores, das persoas encargadas da distribución da cultura e do público

"O noso obxectivo hoxe é claro: dotarnos de ferramentas para fortalecer a comunicación transversal da cultura, dar visibilidade aos espazos que ás veces quedan ocultos, reforzar a identidade local e tecer redes de cooperación entre concellos, entidades cidadás e profesionais do sector", sinalou a deputada de Cultura, Natividade González

A Deputación propón novas estratexias e ferramentas de comunicación nas Xornadas Técnicas da súa Rede Cultural

O Auditorio Municipal de Cedeira acolleu hoxe o primeiro foro de traballo das Xornadas Técnicas da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que nacen para mellorar o servizo público que ofrece a Rede a través da colaboración de creadoras e creadores, das persoas encargadas a distribución da cultura e do público.

Co título 'Ferramentas para a comunicación transversal da cultura', o foro analizou a importancia da coordinación e a unificación na comunicación con etiquetas específicas para, así, ampliar a recepción. O obxectivo principal foi dar a coñecer, potenciar o uso e optimizar os recursos que a área de Cultura da Deputación brinda aos concellos grazas á nova APP vinculada á web redecultural.gal, que permite unha maior interacción e cruzamento entre os diferentes programas activos.

Presentou os relatorios a deputada de Cultura, Natividade González, a quen acompañaron o alcalde e a concelleira de Cultura de Cedeira, Pablo Moredae e María Diana Cendán. "O noso obxectivo hoxe é claro: dotarnos de ferramentas para fortalecer a comunicación transversal da cultura, dar visibilidade aos espazos que ás veces quedan ocultos, reforzar a identidade local e tecer redes de cooperación entre concellos, entidades cidadás e profesionais do sector", explicou González.

Para a deputada, "grazas á análise de contidos, as conversas inspiradoras, aos debates e as ideas compartidas, a Rede Cultural vai ser nesta xornada esa rede que tecemos xuntas, que pensamos, que impulsamos e sobre todo que compartimos".

Dinámicas
O coordinador das xornadas, Roberto Pascual, explicou o funcionamento e os obxectivos do foro, organizado arredor dunha mesa redonda e dúas dinámicas. A primeira, 'Análise de contidos culturais dun concello desde a perspectiva dunha persoa usuaria nun novo destino de residencia', ofreceu unha práctica grupal e de debate na que se analizaon os contidos en webs ou redes sociais dos espazos adheridos á Rede Cultural.

Na segunda, 'Un selo propio. Identidade, comunicación e cooperación', os participantes realizaron un cartel para redes sociais, empregando a ferramenta Canva, ou un vídeo coa aplicación Tiktok. Tamén simularon unha publicación para redes sociais coa información dun dos espectáculos escollidos entre os seleccionados da Rede 2025.

Entre as dúas dinámicas, celebrouse un banco de ideas e prácticas inspiradoras no que participaron a actriz e creadora Mariña Lestón; Quique Vázquez, director artístico do Auditorio municipal; Álvaro Pérez, expresidente da Academia Galega do Audiovisual e membro fundador de Ainé Producións e Undodez, e David Miranda, responsable de comunicación dos concellos de Arzúa e Muros. Entre as propostas, a divulgación das artes escénicas locais,a comunicación e oportunidades vinculadas ao nacemento de novas iniciativas e a comunicación transmedia na cultura.